O Demo

fusil-1790-simbolo-del-diabloFidel Vidal. Eu son o demo. Calquera pode ser cualificado de demo, mesmo cariñosamente. O diabo aparece como palabra axeitada para definir sobre todo aqueles nenos afeccionados ás trasnadas ou, pola contra, aqueloutros capaces dunha eficacia inesperada: “Este rapaz éche o demo”. O ‘diabo’, tradución grega do ‘satanás’ hebraico, significa ‘opositor, adversario, inimigo’, e a palabra ‘demonio’, ‘xenio, espírito, intelixencia’. Sócrates presumía de dialogar co seu ‘Daimon’ como se fose o seu anxo da garda.

Para a historiadora Elaine Pagels (As orixes de Satã, 1996) o significado orixinal da palabra Satán deriva da raíz hebraica ‘stn’ que significa “um que é contra ou obstrui”. Polo xeral atribúese ao pecado a causa das desdichas humanas. Coa chegada do cristianismo, Satanás foi vítima dun antropomorfismo radical, tornándose en paradigma de combate político, que divide o mundo entre ‘elixidos’ e ‘posesos’. Despois de dous mil anos de construción do arquetipo diabólico, a idea de conflito moral no home asumise de tal maneira que se consolidou en boa forma a convicción de ‘inimigo estrutural’ no inconsciente colectivo da nosa sociedade.

Mais desde as películas de exorcistas, o demo ten unha imaxe diferente. Onde está aquel demo sedutor, falador, mesmo dialéctico? Agora o que nos queda é un demo choqueiro que se mete no corpo das rapazas para deformalas, estoupalas ou convertelas en fornecedoras de marmeladas pustulosas ou berrar obscenidades en varias linguas. Unha mágoa de demo que, nos intermedios, dáselle por facer bailar mesas, romper mobles ou tirar pratos do chineiro. Hendrick-GoltuizPor onde andará aquel demo mesmo tentador de Xesús Cristo? “Dareiche todas estas cousas -díxolle despois o transportar a un monte moi elevado- se, prostrándote, adorarasme”. Respondeulle Xesús: “Atrás, Satanás, porque está escrito: Ao Señor, teu Deus, e só a el darás culto” (Mateo, 4, 1-11).

Acabouse o diabo conversador, provocador, razoador, sofista, aquel Lucifer propenso aos torneos dialécticos, que amenizou as horas santas de Antonio no deserto ou o Belzebú que razoaba en termos teolóxicos con Lutero, ou para engaiolar a Fausto. “O diabo sempre soubo ser un refinado psicólogo, como esixía a presa que cobizaba”. “Tratábase de facer pecar, non de dar náuseas” (Cf., Savater, Apóstatas razoábeis, 1976).

Baudelaire, un dos príncipes da disidencia (X. Seoane, O sol de Homero, 2002), pregúntase polo destino, o posible fatum: “¿Existe pois unha providencia diabólica que prepara a desgraza desde o berce?”. “¿Estarán sempre envoltas esas almas escollidas no pesadelo das Tebras?” Baudelaire, nun dos seus ensaios sobre Poe, afirma que é inútil que se defendan, que adopten precaucións, que afinen a prudencia: o Diabo está dentro. Sen embargo, con todo e iso, coidámonos de non amolalo e mesmo recorremos a el para lle pedir favores.

Príncipe do desterro, maltratado coloso/ que, subxugado, sempre te alzas máis/ poderoso/ ¡Oh Satán, ten piedade da miña longa miseria! (Baudelaire)

5 comentarios en “O Demo

  1. El primer cuadro es de Füssli, recuerdo que me llamó la atención hace años. Se llama “la pesadilla”, y Füssli tiene otras versiones del mismo cuadro. Los súcubos, el personaje encima de la dama, son demonios (daimones, espíritus) nocturnos que provocan los sueños y las pesadillas de las personas dormidas. Entran en las casas por la noche. Esta misma noche he sentido alguno de ellos. Pero se escapan. Y de día no están. ¿Dónde encontrarlos Fidel?

    1. Meu bo amigo Jesús: A proposta do cadro de Füssli é cousa de Antón, que senpre acerta na escolla. Do que non estou ben seguro é que o diaño pintado sexa un súcubo e non un íncubo. Tentancións nocturnas que tamén van estar ligadas a unha censura da que non se decatou Freud quen, na súa primeira acepción respecto dos soños, como ben sabes, era a realización dun desexo (reprimido).
      Pregúntasme onde atopalos. Que quede entre nós. Calquera derradeiro martes de mes, despois de prender lume a catro queimacasas nunha praia virxe, acoden xunta nós para xogar unha partida de tute cabrón -como non podía ser doutra forma- para divertírmonos, diaños, trados, velliños en coiro, fadas, denchos, abelurios, trasnos e outros convidados. Pola miña banda, como responsable da próxima xuntanza, convídoche a participares da festa. Non sei que tal lle sentará ao resto dos asistentes contar coa presenza dun docto inocente coma ti, meu caro amigo. Sexa como for, aló nos vemos. Unha forte aperta e saúde.

  2. Coñecía ese dito, Fidel. “O que de noite asubía…”

    Cando os de Ribeira nos dicían o de “ronzadores” nós contestabamoslle así: Si nós somos ronzadores, de Ribeira ben a raza. Si nós ronzamos a igrexa, vos ronzástedes a praza”

    Para mín é un pracer ler as túas alegres tendencias imaxinativas en toda a sua expansión.

    Sigo cos castos biquiños.

  3. Bos días, querido Fidel :

    A avoa dunha compañeira da costura, cando nos oía dicir ¡ arre demo ! sempre dicía” -“Arrenegado sexa el para o inferno, e non se vos ocurra dicir eso dispóis de que se meta o sol”. Polo visto non se podía nomear cando había escuridade porque o diaño era o dono dela.
    Tamén contaba que unha vez tivemos na nosa igrexa ao mismo diaño, e que nin o cura cas rogativas, nin os monaguillos incensando a casa do Señor, se iba para fora dela. O pai do sacristán que era un home de cortas lecturas pero que sorprendía moitas veces con frases e ironías dignas do máis agudo prosista, díxolle ao fillo que chamase a Ramón (que era tatelo) para que lese el, na igrexa as rogativas daquel libro que xa fora de seu bisavó.
    Disque foi todo o pobo acompañar a Ramón na sua pregaria. Cando empezou a repetir todalas sílabas, o diaño xa non lle deixou chegar á terceira líña. Díxolle que se iba dalí por non oílo.
    E dende aquela, na igrexa de Palmeira só hai algunha “diantra” (chámolle así eufemísticamente por si os dípteros ) que acuden a ela para ver os modeliños de “escaparate” que loce a xente.

    O SER PRESO. OUtEIrAl.

    Moitos castos biquiños.

    1. O que non pase na vosa igrexa -onde sucedeu o afamado caso dos “ronsadores”-, non pasa en parte ningunha. E dígoo, querida Magdalena, en sinal de admiración.
      Polo visto, segundo contas da túa avoa, o demo é máis sensible despois de pórse o sol, e non por ser dono da escuridade. Para nada. O que pasa é que se o nomeas pode entender que o estás chamando. A tales horas tampouco se permitía asubiar. De cativo, adestrándote na arte de soprar con melodías, axiña acudían cabo túa con esta advertencia: “Quen de noite asubía polo demo pía”.
      Un pracer contar coa raíña do castos bicos do Brañal. Van de volta.

      A XETA TATEXA en MOzAmbIqUE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *