Deledda e Gramsci, a voz con luz propia. A vida comprometida

granXerardo AgraFoxo. Ela naceu no seo dunha familia acomodada, un pai terratenente e unha nai moi relixiosa. Para salvar os costumes da época, que impedían a escola para as mulleres, recibiu clases particulares. Despois converteuse nun exemplo da cultura sarda, aínda que residiu a meirande parte da súa vida en Roma. Na capital italiana concibiu as súas  obras, entre elas, Cósima, na que describe os primeiros anos da súa carreira literaria, onde as tradicións e valores relixiosos son escenario dunhas paixóns sen saída que precipitan os personaxes cara ao sentimento de culpa.

Ela, Grazia Deledda, recibiu o Premio Nobel de Literatura no 1926.

El naceu na mesma illa, pero nun fogar miserento, inzado de dificultades e sacrificios. O pai foi condenado ao cárcere por un delito de falsificación. El, que sufrira un traumatismo que lle deformou a columna e nunca superou o metro e medio, viuse na obriga de traballar dende neno dez horas diarias nunha nunha oficina cun salario equivalente a un quilo de pan ao día. Malia as sombras da infancia, converteuse nun filósofo e teórico do marxismo, pero, como fundador do Partido Comunista Italiano, deu cos seus ósos maltreitos nos cárceres do Duce, onde, despois de contraer o mal de Pott, a mesma doenza que tiveran Quevedo e Leopardi, morreu aos 46 anos vítima dos malos tratos.

Era o ano 1937 e el, Antonio Gramsci, converteuse nun  ilustre da illa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *