Galicia e os galegos na poesía castelá CIL. Alonso de Ercilla e La Araucana

Alonso_de_Ercilla_y_ZuñigaRomán Arén. Hai consenso xeral, cando menos dende Menéndez Pelayo, en que é La araucana o mellor poema épico da literatura castelá do Renacemento. Non é pouco mérito, pois foron moitas as obras neste xénero poético, aínda que é certo que está por debaixo da calidade de Os Lusiadas do Camoes. Narra a conquista de Chile polas armas españolas, pero con grande admiración polo valor e pola coraxe dos araucanos.

Alonso de Ercilla e Zúñiga (1533-1594) fora paxe do futuro Felipe II e viaxou con el por Europa. Foi a América en 1555, chegou a Europa. Foi a América en 1955, chegou a Perú en 1556 e a Chile en 1558. Embaixador de Felipe, non sabemos os motivos polos que foi separado da Corte. Cabaleiro de Santiago en 1577, en 1569 publicara a primeira parte de La araucana e en 1578 a segunda e terceira partes. Foi obra de tanto éxito que foi continuada por Santisteban de Ossorio, por Pedro de Oña en Arauco domado, por Mendoza en La guerra de Chile, por Álvarez de Toledo en Purén indómito e aínda por outros. Foi traducida ao francés e ao alemán.

Está Galicia na obra? Cita moitos cabaleiros e fidalgos destacados na guerra de Chile, pero ignoro se algún foi galego; o noso país só é citado, a carón doutros, na segunda parte, no cantoXXVV, cando o mago Fitón lle amosa unha bola na que pode ver todas as nacións do mundo.

Cito a oitava real pola edición divulgativa que Concha de Salamanca editou para Aguilar (6ª ed. 1968):

Ves a Burgos, Logroño y a Pamplona,/y bajando al Poniente, a la siniestra,/Zaragoza, Valencia, Barcelona,/a León y a Galicia, de la diestra;/ves la ciudad famosa de Lisbona,/Coímbra y Salamanca que se muestra/feliz en todas ciencias, do solía/enseñarse también nigromancía.

Pero Ercilla e La Araucana teñen outra relación con Galicia: Isabel de Castro e Andrade (1520-1582), a nosa primeira poetisa, dedicoulle un soneto a Ercilla que apareceu na III parte, na edición de 1597, do poema, cando xa morreran a condesa de Altamira e Ercilla. Álvarez Blázquez cre que debeu de ser escrito o soneto con motivo da segunda edición de La Araucana. Discuten algúns se o poema é portugués por motivos ortográficos:

Araucana naçaón, máis venturosa,/mmáis que quantas hoxe ha de gloria dina,/pois na prosperidade e na ruina/sempre envexada estáis, nunca envexosa./Se enresta o ilustre Afondo a Temerosa/lança, se arranca a espada que fulmina,/creio que xulgareis que determina/só o conquistar a terra belicosa./Farao, mais non temais esa mao forte,/que, se vos tira a liberdade e a vida,/ela vos pagará ben largamente./Que a troco de unha breve e honrada morte,/co seu divino estilo, esclarecida/deixará vosa fama eternamente.

Ben se sabe que da condesa de Altamira só se conserva outro poema, o soneto castelán “Competencia entre la rosa y el sol” que recollera Espinosa como anónimo en Flores de poetas de España (1605) e por Sebastián Alvarado en Heroida de Dido (1605), pero Pérez de Guzmán atopou o manuscrito e co nome de Isabel de Castro e Andrade o inclúe no Cancionero de la rosa (1891-1892).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>