Alghero, a cidade máis española da Sardeña

algXerardo AgraFoxo. Bautizada así pola abundancia de algas na súa costa, Alghero é a xoia do turismo sardo pola súa beleza e as rúas do arrabalde medieval ateigadas de tendas de xoiería e pezas de coral. Malia os danos provocados polos bombardeos durante a II Guerra Mundial, o corazón do seu casco histórico permaneceu intacto. Conserva boa parte das súas murallas, sete torres circulares e outra octogonal que lle confiren a cidade o aspecto dunha fortaleza que, grazas aos esforzos posteriores dos Reis Católicos para mellorar as defensas, puideron resistir calquera asedio nunha época marcada polos ataques dos berberiscos e outros pobos que navegaban sen control polo Mediterráneo.

Tras un breve período de dominio pisano, Alghero foi conquistada no ano 1353 polas tropas do Reino de Aragón que controlaron a costa oeste durante 300 anos, converténdose na cidade máis española da illa. Un feito demostrado pola presenza da lingua catalá na fala dos seus veciños que, dende o ano 1970,  imprimen os sinais de tráfico en italiano e catalán. Cando a illa pasou a mans de Austria, a cidade formou parte do Reino de Sardeña que durou até que se converteu no 1861 nun territorio insular do Reino de Italia. Cada época da historia deixou algunha pegada en Alghero, así como, tal como se aprecia nas placas dos edificios, o paso polas súas calellas de Garibaldi e Carlos V.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *