Calcetíns

pack-6-calcetines-cortos-nike-air-jordan-negros-ninoFidel Vidal. Necesito botar fóra o rumiar sobre as leas que manteño cos calcetíns. O caso é que non soporto as costuras da parte dianteira, e busco sempre aqueles onde non sobresaia o encano para evitar o dano nas dedas. Fanme feridas. Que lle vamos facer se a natureza me dotou así, delicado de pés? Prenda íntima onde as haxa, xa que logo, sen estaren á vista de vez, hai que presume dos estampados e vistosos, se ben eu prefiro, intercambiando algún de cor marrón, os negros ou azuis escuros.

A palabra calcetín é un diminutivo derivado doutro diminutivo, de calceta, e esta de calza (do latín calx, calcañar, talón). Con todo e iso, o tema non é cousa menor. Noutrora, no caso das rapazas, o feito de os abandonar para entrar no uso das medias, era todo un rito que confirmaba o pase de nena a moza, quer dicir, igual que na canción, “de nena a muller”. Eran tempos nos que se zurcían os calcetíns e collíanselle o puntos ás medias.

Os meus, supoño que como ao demais. desgástanse polo calcañar e, maiormente, polo dedo gordo. Un dos máis afamados “tomates”, contemplado por milleiros de persoas a través da televisión, tivo como protagonista o presidente do Banco Mundial, Wolfowitz, ao se descalzar á entrada dunha mesquita, Coido que serían calcetíns dos caros, de calidade, e estes gástanse antes. Os de fibra sintética non deixan transpirar pero aguantan mellor o tempo. O problema aquí está, no caso de pés suorentos, no risco de meterse “en trámites” coa parella polo insoportábel fedor a que pode dar lugar. Ademais do desgaste, temos o asunto dos que se van escorrendo cara a dentro, comestos polos zapatos como unha lambeta. E aí estamos turrando por eles. Este fenómeno seica depende do coeficiente de rozamento do calcetín. Nada menos.

De primeiras semella que se utilizan para protexer os pés do calzado, sen embargo a cousa vai do contrario. O zapato está a defenderse do pé mediante o calcetín, e non ao revés, o pé do calzado. De non ser así velaquí a demostración: como é que sucede o mesmo coas zapatillas ou cos tenis, caendo na mesma desgraza de seren furados do mesmo xeito polo dedo gordo do pé traballando igualiño a unha barrena?

Nunca entendín como hai persoas que non usan calcetíns cos zapatos e van fachendosos coa canela ao aire, espida. É de esperar que os calzóns non sexan do mesmo tecido. Ou si? Os pés son unha parte anatómica ben complexa e delicada. Se ao dia de hoxe para saber a nosa procedencia xenética recorremos ao ADN, noutrora sabíase ben a través das extremidades inferiores, dos pés, segundo o dito que o especificaba con claridade: “Polos pés saberás de quen es”. Pois iso.

3 comentarios en “Calcetíns

  1. No sé si en la categoría de calcetín se contemplan los pinkis o pinkies. Esos calcetines que no se ven, que cubren solo el talón, dedos, y planta de pie. Llevar calcetines como si no los llevaras, porque no se ven asomar fuera del zapato.
    Nunca he entendido bien este concepto del pinki, a llevar sobre todo en verano.
    No sé si me puedes ilustrar al respecto, Fidel.
    Entre tanto, feliz verano.

  2. Aínda que hai calcetíns de moi mala calidade e as veces deixan ver o dedo gordo, como lle pasou a Wolfowitz, (recordo perfectamente ese trance) os “Calcetíns” que apareceron hoxe na Cafetería, son de seda, que é unha fibra natural, e polo tanto inmellorable.
    Noraboa ao tecedor.
    Hoxe ata lle deposito un ósculo na man con un pequeno recorrido ata os dedos en toda a súa extensión, falange, falangina e falangeta, deixando para outro día a castidade da Castro do Brañal.

    Hoxe non cabe nin palíndromo, nin pentavogais.

    1. Moi agradecido polo da seda. Coido que o Wolfowitz de marras non os compraría no mercadillo do sábados en Ribeira ou dos domingos en Padrón. Sexa como for quedo gozando dos ósculos. Saúde querida Magdalena dos Castro do Brañal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *