Unha reflexión ao redor do premio Follas Novas

LogoFollasNovasPilar Sampedro. Estes días nos que arredor das Letras Galegas se suceden unha serie de iniciativas, todas elas de grande interese para o país, son momentos que nos obrigan a repensar o noso lugar no mundo, que nos moven a introducirnos na vida e obra da persoa á que se dedican as Letras e afondar no seu papel en defensa da lingua.

Dicía Xela Arias que escribir pode ser, de por si, un acto revolucionario, pero facelo en galego (cultura minorizada e desvalorizada) si, é unha revolución sempre.

Un traballo de resistencia, unha heroicidade porque escritores e escritoras traballan cunha lingua que é a nosa (pero acerca da que hai que andar a dar explicacións sempre), unha lingua con dúas propostas de normativa (que sempre complica un pouco máis a toma de decisións), unha lingua á que semella que pouca xente quere (polo menos falar e ler nela) e que é acusada de imposición e de practicar pouco a sedución (primeiro por paleta e pobre, agora por ideoloxizada, seica). A min, falar de sedución sempre me semella unha trampa, porque me dá idea de que o que pretende seducir é porque lle faltan méritos e debe saír ao camiño a chiscar o ollo, a chamar a atención, a convidar a que o miren… e entendo que iso debería ser necesario fóra de Galicia pero no país de orixe só tería que ser a secas, porque é o seu lugar de nacenza e residencia, o seu lugar no mundo. Polo feito de chamarse galego debería ser defendido e apoiado pola poboación enteira e polas administracións que a representan. Non debería haber ningún xénero de dúbidas pero vivimos no país de Nunca Xamais e non pode haber descanso, no país dos ananos que buscan a liberación a través dunha Branca de Neve que agarda polo príncipe, no país da auto destrución e temos que ver como se queiman os herdos e se perden as colleitas.

Si, dicíao Xela Arias e podemos confirmalo, na actualidade: escribir en galego pode ser un acto revolucionario, aínda que non imos negar que sempre hai quen o poida perverter todo, as palabras e as prácticas.

Non só escribir é un acto de resistencia (na maior parte dos casos), tamén o é editar ou vender libros en galego. Isto sitúa as editoras e librarías, tamén no lado bo, como ben explica Camilo Franco (ese sabio que se ri de si mesmo para que non nos asustemos cando nos canta as verdades).  Estas tres entidades (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación Galega de Editoras e Federación de Librarías) que entregan os premios, coñecidos como Gala do Libro en convocatorias anteriores, e actualmente como Follas Novas do Libro Galego.

Por todo isto, sería necesario parabenizar non só os libros ganadores, non só os libros finalistas dos premios, senón tamén todos os libros publicados no 2020. Todos eles son superviventes, revolucionarios e ganadores, xa só polo feito de existir.

5 comentarios en “Unha reflexión ao redor do premio Follas Novas

  1. Moitas grazas, paideleo. As túas palabras son un estímulo para min, e como dicía san Isidro, “Aré lo que pude”.

    Unha aperta palmeirana agradecida.

  2. Estou de acordo co post.
    En canto a Magdalena dicirlle que escribe moi ben en galego e que sempre aporta coñecemento e saber. Non ten por que xustificarse en nada.
    Ánimo a todos e a seguir revolucionando !

  3. Bos días, Pilar:

    “Escribir en galego pode ser un acto revolucionario” comentas na tua entrada. Eu, sen dúbida alguna, son das que o perverten. Xa escribía mal en castelán, que foi no idioma en que aprendín aquel pouquiño, e imaxínate os erros que cometo escribindo na lingua que falo pero tan diferente a como se escribe. Aquí en Palmeira seseamos, e para nos, non existe o gue, soamente a jota, e non precisamente a mañica.
    Cando contesto as vosas entradas, sei que vai cargada de erros ortográficos, pero tamén sei que vos sabedes que a que escribe é unha lega na materia pero que lle gusta aprender un pouquiño de xente que sabe moito. Por tanto, perdoade a miña intromisión neste Café, pero gústame compartilo, aínda que o meu, sexa descafeinado.
    Lendo e escribindo, (como dicía o poeta) faise camiño.

    Pilar, unha entrada preciosa e cargada de razón.
    Apertas palmeiranas.

    1. Magdalena, non sabes como se agradecen as túas intervencións…
      Un texto non acaba de selo ata que alguén o le e cando ese alguén o completa opinando… reverdece.
      En canto á lingua, Magdalena, eu penso que non se trata de falala ou escribila ben senón de utilizala, vai morrer por falta de uso, non por ser maltratada. Estes días apareceu unha pintada que dicía: “Se non me falas morro”, e segundo os estudos vaise cumprir a profecía. Por iso, agradecemos tanto que ti a fales e a escribas, agradecemos que a fale todo aquel que queira, e se nalgunha ocasión alguén se pon a calibrar a calidade do teu galego ou do meu, simplemente quere que deixemos de utilizalo, e non podemos darlles ese gusto. Así que ánimo, Magdalena, e un par de bicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>