A roseira de don Faustino

6811543_m4X. Ricardo Losada. O esmoleiro pediulle cinco pesetas. “Aí tes, tres”, díxolle Faustino Rey Romero, “quédoche a deber dúas”. E outro día dáballas. Gloria, a irmá, reprocháballe a súa inxenuidade. “Non ves que se aproveitan de ti? Van pedirche todos os esmoleiros da bisbarra”. E así era. E Faustino, facendo oídos xordos dos sensatos consellos da irmá, dáballes todo o que tiña. O pai determinárao a ser crego, impedíndolle cumprir a vocación da súa alma: ser franciscano, e ser un crego de espírito franciscano foi o que intentou ser nas parroquias galegas da posguerra franquista. Francisco de Asís tenía / un rosal. ¡Mirad que cosas: / él las espinas cogía, y regalaba las rosas!, escribiu nun dos seus primeiros poemas.

Pero non debemos pensar que don Faustino era un inxenuo. Por dúas razóns. A primeira, e ese é un dos seus grandes méritos, porque sabía que ese camiño que decidira emprender levaríao a vivir, como así foi, nunha permanente angustia. Pero unha angustia feliz, pois era unha angustia cristiá. A segunda, que a anécdota que acabo de contar era a cara dunha moeda que tamén tiña a súa cruz. Despois de quedar sen cartos, ía tomar os viños cos seus amigos e, como é lóxico, nunca pagaba. Chegou a coller fama de gorrón, el, que era a persoa máis xenerosa do mundo, porque ninguén sabía que o facía porque cría que os cartos debían circular de quen máis a quen menos tiña. El tiña máis que o esmoleiro, dáballos. Os amigos tiñan máis ca el, invitábano.

Supoño que á maioría das persoas a postura de don Faustino pareceralles inxenua, absurda e suicida. E non vou ser eu quen a propoña para solucionar os problemas de desigualdade do mundo. Pero si direi que, aínda que a vexo un pouco utópica , si a considero, sobre todo desde o punto de vista cristián, valente, coherente e chea de boa vida. E quería dicilo, agora que se cumpren cen anos do nacemento e cincuenta da morte de don Faustino, porque acabo de saber que EEUU quere cometer a inxenuidade, segundo din en Wall Street, de lles retirar as patentes ás vacinas. Non superaremos a pandemia se non flúen de quen máis ten a quen menos.

2 comentarios en “A roseira de don Faustino

  1. Prezada Magdalena:

    Aquela presentación foi moi especial para min. Estaba moi ben acompañado: Antón Riveiro Coello, Xerardo Agrafoxo, Pedro García Vidal e Xosé Manuel Lobato. E coñecerte foi unha gran alegría. Polo amable que estiveches comigo e polo interese que logo mostraches pola figura de don Faustino e pola cultura en xeral.

    Respecto a don Faustino, creo que merece un maior recoñecemento do que ten, cando menos desde o punto de vista humano, que é o que importa. Levei unha alegría o día da Letras Galegas cando vin en La Voz de Galicia unha páxina enteira do concello de Rianxo anunciando o 2021 como Ano de Faustino Rey Romero. Eu, desde logo, teño que agradecerlle o revelador que foi investigar a súa vida.

    Apertas rianxeiras!

  2. Agora, despóis de lerte ven á miña mente aquela imaxe da presentación do moi bo libro que escribistes sobre don Faustino. Alí na libraría “Ler” da Pobra, foi en donde te coñecín. Recordo que eran cerca das oito da tarde-noite (eu déitome moi cedo) cando J M me dixo que acababa de escoitar na radio que na citada libraría había a presentación dun libro cuxo autor era un tal Losada. Eu xa tiña a crema de noite posta na cara e díxenlle que quería ir. Aínda conservo a foto ca miña cara brillante, póis fun así tal como estaba. Foi un acerto. Grazas a ese día, agora podo ler todolos días os vosos textos que ningún deles teñen desperdicio. Moitas felicidades para todos.

    “Quédoche a deber dúas” esa frase recórdoa con moito cariño, igual que todo o libro, que como dixen máis arriba é moi bo. Despóis quixen coñecer o pobo de don Faustino é incluso me atopei con un home que era da súa familia e foi quen me ensinou a sua casa ao lado da igrexa.

    Moitas grazas, querido profesor, foi un acerto ir aquel día á Pobra aínda que fose ca cara con máis brillo ca un diamante pulido.
    Biquiños palmeiráns compartidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *