Ondas de identidade

pexels-photo-2399173Marina Losada Vicente. -Túa nai, aínda de maior, segue sendo unha muller elegante- dime unha amiga, nun contexto no que queda claro que eu non llo parezo. Recórdame un comentario de mamá, diso hai moitos anos, no que afirmaba que se ela traballara nunha oficina, como era o meu caso, iría sempre de punto en branco. Pode unha muller estar impecable en zapato raso e sen medias? O notable é que, no caso de miña nai, si. Mais isto non vai de mamá, vai de min, que empezo a escorregar nun suco que non labrei. De nena, a siña Lela a Caramuxa advertíame de que non tiña os andares e o garbo de miña nai, á que daba gusto ver pasar. Se agora me vira a siña Lela, daríase de conta? Hoxe si que os levo… os andares de miña nai. O garbo non. Sempre tiven o seu corpo, dixéronmo moitas veces, pero agora teño os seus andares, con sutís diferenzas, seguramente porque as pernas de miña nai axustaron o paso á realidade física dos anos, e as miñas seguen sentindo saudade de antigas torpezas.

Cando saio de traballar, despois de catro horas sentada, a estrutura ósea ten ese abalar que vexo en mamá nos últimos tempos. Un péndulo invertido, cuxa oscilación nacese nos pés, dándolle aos ombreiros un aquel de ondas mariñas que veñen e van, mais aos meus coa complicidade engadida duns xeonllos comidos pola artrose.

Sempre procurei ser eu, tendencia natural de diferenciación. De certo pensei serme fiel ata a última hora. Hoxe, diante do rego aberto baixo os meus pés, percibo que perdín as forzas para bordear o carreiro inequívoco da identidade xenética. Entrei no tempo de desconto. Chega a hora da entrega. Comeza a hora de non ser. Tranquilamente.

2 comentarios en “Ondas de identidade

  1. Escribas o que escribas, os teus artigos teñen sempre as túas “ondas de identidade”.
    Non perdas nunca as forzas para seguir esa liña de autenticidade xenética.

    Moitos biquiños, querida Marina. Un pracer.

    1. Fai anos que noto a xenética no corpo, e tamén no ánimo. Para ben e para menos ben. O que fago agora, e deixarme levar. Loitar só ten sentido se hai algunha esperanza de gañar. Bicos, Magdalena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *