Secuencia alterada

imagesMarina Losada Vicente. Co feixe tinguileando na man, achégase ao edificio e busca a chave verde. Unha veciña está na entrada, a porta franqueada, regando unha planta que Rosario considerou murcha sen remedio. Dálle os vos días sen nomeala, incapaz de recordar, nese intre, como se chama a rapaza do terceiro.

Sobe as escaleiras para ir ao seu piso, no segundo andar. Intenta unha e outra vez abrir a porta. Aínda que a forza do costume a leve a meter a chave coa parte do cifrado cara a baixo, mira de facelo ao revés, non sexa que estea equivocada. A pechadura non cede e Rosario chama á súa cabeza á calma. No mando de chaves leva tamén as do seu negocio (enreixado, entrada e caixa de cartas), as da filla (portalón, soto e entrada principal) e a da veciña do primeiro, que lle pediu que coide do gato mentres está hospitalizada, mais está certa de utilizar a correcta. A pechadura resístese. Leva tempo con problemas de memoria e teme un alzhéimer prematuro ou algún tipo de demencia senil.

Buscando un caderno, atopou no peto a lista da compra que esquecera ao chegar á tenda. A cousa parécelle seria. Non leva con ela onde anotar, polo que se grava no móbil: Preguntar a mamá se temos antecedentes na familia de perda de facultades mentais ou alteracións da memoria. Escoita saír do ascensor á veciña do terceiro, que debeu acabar coas plantas, e cae na conta de que intenta entrar no piso coa chave da porta da rúa. Suspira aliviada.

A porta non cede. Abre a gravadora para poñerse unha nova nota: Pedir cita para neuroloxía. Cando garda o móbil, coa mirada perdida na parede branca do corredor, sente miar o gato e cae na conta de que aínda está no primeiro andar.

3 comentarios en “Secuencia alterada

  1. Polas túas respostas vese que eres unha muller de recursos, Magdalena, tendo como indicas problemas de memoria. Saben onde buscar o que a cabeza non atopa. Bicos

  2. Ai, a memoria, a memoria, querida Marina!!
    Agora é o meu tendón de Aquiles. Xa teño dous, un inflamado xa vai para dous anos, e o outro, xa de por vida.
    Vou à escola cada xoves para ver si se reforza un pouco pero, penso que eso agora xa é a búsqueda dunha quimera.
    Pero polo menos mal aínda pensamos, aínda que logo xa nos esqueza o meditado, pero mentres fagamos o primeiro, digamos aquilo de Descartes: “Cogito, ergo sum”.

    Moitos biquiños, Marina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *