O ouro dos necios

O parecido da pirita co nobre metal deu pé a moitos enganos
O parecido da pirita co nobre metal deu pé a moitos enganos

Jose Lires. Sofía anda estes días enleada cos minerais. A súa profesora do instituto, Raquel, como xa fixera Santi tres anos antes con Diego, aborda o tema do mundo mineral cun entusiasmo inusitado nunha especialista na materia viva. Sorpréndeme tanta positividade ao redor das substancias inertes. Nos meus tempos era frecuente albiscar nos biólogos un proído inoportuno ao trataren os asuntos da Gea na aula, agás a Teresa, que no último curso gozaba véndonos bater co martelo de xeólogo nos granitos do monte Pindo.

Na habitación da rapaza improvisamos un gabinete de estudo para clasificar as mostras esquecidas no rocho despois de anos sen lles prestar atención. Como tiña prognosticado, o ensarillado de nomes e as similitudes entre a diversidade de especies comeza a ser un pesadelo para a miña alumna. A fin de eludir o tedio propóñolle organizar unha xeira evocando ás daqueles mozos ultreias, tutelados polo profesor Álvaro das Casas, e saír á rúa a observar o mundo do redor. Non imos lonxe. Un percorrido atento aos materiais pétreos usados nas construcións e nos pavimentos das rúas da vila, onde predominan as rochas cocidas e recocidas -tecnicamente ígneas e metamórficas-, permítennos identificar algúns dos minerais estudados.

A tarde avanza e a luz avelaíña do solpor matiza os segredos das pedras. O momento axeitado para achegármonos a un espazo pavimentado de lousas marxadas con pequenos nódulos coruscantes de cor dourada e brillo metálico. «A ver se vai ser ouro» -espétame Sofía cun sorriso pícaro-. Descuberta a chanza confírmolle as súas sospeitas. «Non é ouro, non. É ese mineral que tanto che chamou a atención na casa, a pirita, un dos máis comúns da codia terrestre» -explícolle mentres extraio do meu bolso o fermoso cristal de hábito cúbico con caras suaves ben desenvolvidas apañado nunha mina da Rioxa-.

Moitas dores de cabeza lle ocasionou a algún paiolo buscador de ouro o parecido da humilde pirita co nobre metal! A febre do ouro de mediados do século XIX atraeu miríades de aventureiros ata California á procura de fortuna. Os máis inexpertos caeron vítimas dos estafadores que aproveitaban a confusión entre ambas substancias para lles venderen xacementos de pirita a prezo de ouro. De aí o alcume de ouro dos necios, dos parvos ou dos tolos.

A orixe

A pirita orixínase en diferentes ambientes xeolóxicos e atopámola en variedade de rochas. No caso destas lousas a súa historia remóntase centos de millóns de anos atrás cando o que agora é o noroeste da Península representaba o fondo dun mar ao que chegaban sedimentos finos, principalmente arxilas, limos e areas, xunto con abundante materia orgánica. Simplificando ao máximo os procesos de formación, diremos que neses ambientes carentes de osíxeno, as bacterias reducían os sulfatos da auga e dos sedimentos obtendo o xofre que, en combinación co ferro, daría lugar ao noso famoso sulfuro. Agora ben, a presenza de pirita nas lousas empregadas na construción non é boa cousa, pois os bordes dos cristais xeran unha zona de debilidade por onde se van lañar as placas.

Os paleontólogos tamén estamos familiarizados con este mineral que se nos presenta con frecuencia precipitado nos poros das cunchas de organismos fósiles. A pátina dourada creada favorece a conservación do exemplar.

2 comentarios en “O ouro dos necios

  1. Grazas Magdalena!

    Pois si, haiche historias ben curiosas ao redor deste mineral… O Messi e o Cristiano Ronaldo teñen nos seus andeis case un xacemento de pirita, pois o famoso Balón de Ouro, que gañaron en moitas ocasións, descansa sobre unha base de cristais de pirita (outro exemplo de que non é ouro todo o que reloce).

    Biquiños

  2. Boas noites José:
    Hoxe entro tarde na Cafetería pero non quero pasar sin decirche que me parece moi interesante a entrada.
    Meu pai cando navegaba, unha das cargas que levaban era pirita, pero eu descoñecía que era un mineral semellante ao ouro, (polo menos no color) póis xa vexo que algún necio confundías tamén con esas pebidas amarelas das que a sua febre non baixa con antipiréticos.
    Que teñas bonitiños sonos.
    Saúdos desde Palmeira,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *