Verán 2008. Rexeneración

PRAIA TANXILMarina Losada Vicente. A casa quedounos pequena. Dúas habitacións para oito persoas: Avoa, mamá, papá, meus catro irmáns e mais eu. Da planta baixa e primeiro andar pasamos a baixo comercial, tres plantas altas e un baixo cuberta. Perdemos o refuxio, a lareira, e o prezado forno de leña. Tamén se foron o retrete de madeira e a corte de debaixo das escaleiras, deus o paghe, dixera avoa. Iso é no que vou pensando cando paseo pola agora rexenerada praia de Tanxil. Triplicou a superficie útil para as toallas. Outra cousa son as perdas que ocasionou…

Entendo a necesidade, igual que entendín a meus pais no seu día, mais sinto que este xa non é o “noso” Tanxil. Como que vendemos a alma. A memoria colectiva fai capturas de pantalla a tempo remoto, gravando a lume o que foi o areal. A rapazada toda no dique, agrupada baixo o palio de pedra da virxe de Asorey, vendo como a loucura xuvenil se tiraba en picado desde o alto da estatua. Toalla contra toalla. Corpo contra corpo. Apuros por chegares primeiro, cando sabías que tocaba marea alta.

Hoxe o mar non é capaz, en ningún caso, de comer ao areal. Xa non ten o poder de botarte fora, a ti e aos teus, que te amontoabas paciente no muro de pedra, na zona arborada, entre os coches aparcados. Dirías que domamos o mar, mais a doma non consola. Botamos de menos os nenos mergullándose desde o peirao, as risas compartidas, os paseos á fonte sempre fresca, coidada de mans daquel rapazote. Como se chamaba? Olegario.

Vinte parasoles. Contei vinte parasoles nunha foto da praia sen rexenerar. Hoxe hai máis dun cento. A praia ampliouse traendo area, camións de area, de maldita sexa a canteira, na que te fundes como se fose area movediza. Tiña que ser, mais sinto que se lles foi un algo das mans.

É tan diferente a sensación que me decido a sacar a parte de arriba do bikini, igual que fago noutras praias. En Rianxo, na miña vila, nunca xamais. Ata hoxe. Hoxe síntome libre de miradas recoñecibles, colocada a toalla na zona na que hai dous anos todo eran pedras. A maioría da xente de aquí mantense fiel a un peirao que xa non está. Ou está, si, pero sepultado baixo area estraña.

Deito na toalla cun libro nas mans. Un grupo de mozos, da idade dos meus fillos, dan un paseo por debaixo da mallante, observando as novidades. Un deles, o máis alto, fai un comentario sen caer na conta de que o vento me trae a súa voz:

-Está moi ben que as mulleres poñan as tetas ao sol, si que o está. Pero non as nais!

 

8 comentarios en “Verán 2008. Rexeneración

  1. Bos días, Marina: Xa nin me acordaba de que estamos no noveno mes do ano. Menos mal que unha se atopa con cousas bonitas como son sempre as que deixas na Cafetería.
    Unha aperta, e benvida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *