Premio Arume de poesía para infancia

logo_arumePilar Sampedro. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi convocado este ano (o 21 de marzo, Día da Poesía) por parte da Fundación Neira Vilas e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) co patrocinio de Deleite.

A Fundación Neira Vilas convocou este premio e o Estornela de Teatro ao logo de oito anos (entre o 2001 e 2015), demostrando así que unha fundación no rural e pobre era quen de traballar compensando (ata onde lle era posible) as fallas das publicacións infantís. Nos primeiros catro certames  as obras eran publicadas por Ediciós do Castro pero, cando caeu ese edificio marabilloso que era Sargadelos con todas as súas empresas culturais, pasaron a ser publicados por Embora. Agora, despois do silencio que correu dende 2015 en que se convocoou o último dos premios, a Fundación con GALIX e Deleite retoma o premio Arume.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, cando finalizaba o prazo para a entrega de orixinais había vinte e catro. Un éxito! Houbo que agardar ata o 25 de xullo no que se fixo público o fallo do xurado no que aparecen representadas ambas organizacións e tres persoas expertas en literatura infantil.

Por que un premio de poesía? Moi sinxelo. Porque é o único premio de poesía para a infancia. Hai moitos de narrativa, algúns deles teñen un título suficientemente amplo como para que podan acoller un poemario ou unha obra de teatro, pero pasa moi poucas veces; no Merlín hai algún libro de poesía pero non chega ao cinco por cento e ningún de teatro, no Jules Verne só un libro de poesía para a mocidade no medio de todas as convocatorias que con este nome ou co anterior recolleron obras. Por iso era imprescindible convocalo, por iso non podía desaparecer, porque era o único: a excepción que confirmaba a regra. Cando miramos estas situacións moitas veces atopamos ese círculo vicioso que impide avanzar. Dise que a poesía non se vende e polo tanto non se publica, dise que non se publica e polo tanto non se escribe. Escritores/as, editoriais, persoas mediadoras e lectorado prendidos do fío dunha araña dando voltas a un veo que non é tan certo. Porque á rapazada gústalle a poesía, está prendida a ela dende os arrolos e os xogos cos que as persoas maiores as acompañan. Divertirse coas palabras, brincar cos seus sons e coas rimas; falar por falar, dicir por dicir sen preocuparse demasiado do seu significado, lelas en voz alta, recitalas, aprendelas de memoria, berralas e sentilas moi dentro, porque a poesía lese en vena, vai directa aos órganos vitais e produce un verdadeiro terremoto no corpo e no espírito. Por iso, non podiamos permitir que se perdese esa oportunidade de que se escribise para a infancia, de que se publiquen e se lean os libros de poemas, de que cheguen ás súas mans e sexan acariñados ao lado das ilustracións.

Poesía, ese xénero cincenta da literatura infantil e xuvenil xunto co teatro. Poesía, para ler ao lado das poesías que se cantan nos libros CD. Poesía, para que as crianzas non abandonen nunca a lectura desas liñas cortadas nas que se sintetiza o poder da linguaxe e as connotacións das palabras que non paran de suxerir. Poesía, para que cada vez menos sexa ese recuncho esquecido das bibliotecas e pase a ser un lugar da creatividade. Poesía, si!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *