Pilar Sampedro. Acabamos de saber que dous libros de literatura infantil e xuvenil galega (LIXG) entraron este ano na Lista dos White Ravens (ou Corvos Brancos) da Biblioteca Xuvenil de Munich.
Si, teremos que dicilo unha vez máis. A nosa LIXG, que apenas conta con cen anos de vida, acadou un nivel de calidade que é recoñecido internacionalmente; así o demostra esta mención e outras como a Lista de Honra do IBBY ou o a inclusión en Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes del Banco del Libro de Venezuela.
Ás veces pasa que é xustamente na propia casa onde non se recoñece o valor do propio. Sempre me fixo rir aquel chiste da muller que escoita o panexírico que lle fan ao seu home mentes mira desconfiada e pregunta: “O noso Pepe?”
Pois si, os premios que ganan competindo con outras linguas coma o Lazarillo ou o Nacional, as traducións que se realizan a outros idiomas (podendo lelos en múltiples e estraños coma búlgaro, coreano, árabe ao lado do inglés ou o alemán) demostran que estamos ante unha manifestación artística de primeira orde. A pena é cando atopamos a nosa rapazada lendo outros porque están en castelán ou lendo os nosos escritores e escritoras nesa outra lingua. Si, non nos sorprendamos (como a muller de Pepe) pois de todo temos visto e seguiremos mirando, se nos quedan ollos.
Esta vez, os libros recoñecidos son Ninguén coma min e Santoamaro. O primeiro deles é un álbum ilustrado con texto de Ignacio Chao (coñecido –sobre todo– polo seu papel de tradutor) coas ilustracións de Eva Sánchez. Unha xoia que nos fai reflexionar: un ditador fala en primeira persoa de como se ve e como mira o mundo que o rodea; un egocéntrico perigoso que nos lembra dirixintes que vemos cada día nas noticias, as súas palabras asustan nese discurso que parece imposible pero son reais e bombardean os nosas horas. O final da historia, esa volta de chave, sorpréndenos a fainos caer na conta do absurdo. Este álbum xa fora recoñecido cunha mención especial nos Premios Compostela de Álbum Ilustrado e recollido no catálogo do Banco do Libro. Unha obra mestra válida tamén para maiores, unha lectura intelixente, unha lección en poucas páxinas, un golpe en pleno peito.
A outra obra, Santoamaro, de Antonio M. Fraga xa acadara o premio Jules Verne de Xerais. Unha novela que se presenta así: “Finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar.” Deses encontros trata a novela, nese único escenario. Santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva”. Ademais de mesturar a narrativa co teatro (que comeza xa na presentación dos personaxes, por orde alfabética ao comezo), cada capítulo comeza coas mensaxes de móbil que coordinan a quedada de cada sábado. A forma de contar resulta moi novidosa e realmente impresionante.
Bos días, Pilar:
Xa contei moitas veces que o pouco que aprendín foi en castelán, non me custa nada ler en galego, fágoo exactamente igual que si fose na língoa que me aprenderon, e agora encántame escribir na nosa língua pero, disculpádeme todolos erros que cometa porque sei que cometo moitos.
Fai uns días estiven lendo un libro do noso compañeiro, o profesor Losada, chámase “O rosario e a buguina” (a cal che recomendo, porque está xenial) e como ben a conto, e sen destripar moito a novela, vou a dicirche que na páxina 43 hai un poema en castelán que era o único que lle gustaba a dona Pura por non estar no noso idioma, porque según ela “o galego non servía para expresar sentimentos elevados”.
Non sei si esa expresión foi producto do autor da obra, ou si dona Pura o deixou dito.
Seguramente haberá xente que pense así, por iso é moi proveitoso ler a xente coma ti, recomendando a nosa literatura galega.
Non deixes de ler “O rosario e a buguina” darásme as grazas pola recomendación.
Cariñosos saúdos desde Palmeira.
Lereino, Magdalena. Agradezo a túa recomendación, pero aínda máis agradezo que escribas en galego, unha lingua que precisa que a usen moito máis que a perfección coa que se faga. Unha lingua que corre o perigo de converterse en lingua morta na que poder ler magníficas obras pero tan desaparecida como o latín ou o grego. Polo tanto, mil grazas e moitos parabéns!