A curta vida do bergantín-goleta “Puerto del Son”

A Historia2Manuel Mariño del Río. Ao redor do ano 1920 varios industriais e armadores sonenses formaron sociedades para a construción de embarcacións a motor ou máquinas de vapor, coñecidas como “motoras”, dedicadas á pesca da sardiña. Así mesmo, os carpinteiros de ribeira seguían construíndo dornas, lanchas bucetas, etc. que durante anos deron vida á dársena sonense.

O intre máis destacado produciuse a partir do ano 1918 cando dous veciños de Porto do Son, Manuel Fernández Sieira e o seu cuñado Félix Pouso Alcalde formaron unha sociedade armadora e encargaron ao mestre carpinteiro de ribeira, José Tomé Avilés, a construción dun bergantín-goleta que levaría o nome de Puerto del Son. Con el traballarían os seus fillos: José, Antonio, Carlos, Manuel e varios carpinteiros do concello.

Aquel impresionante barco foi construído sobre uns calzos de pedra situados directamente na praia da vila, segundo o plano de formas e a maqueta do medio casco. Empregouse madeira de carballo, piñeiro bravo e cravazón de ferro galvanizado.

Cando os traballos estaban moi avanzados xurdiron discrepancias de tipo profesional entre o construtor e os armadores, que esixían a contratación de máis profesionais e interpuxeron recurso ante os tribunais, polo que durante máis dun ano os traballos estiveron parados. Os armadores asinaron un novo contrato con Eladio Santos Carou. Con el traballaría Eduardo Abal e uns vinte carpinteiros: os de ribeira remataron o casco e os demais realizaron traballos nos compartimentos interiores. Finalmente contrataron profesionais expertos de Muros para a confección do velame.

O día da súa botadura o bergantín-goleta estaba fermosamente enfeitado e a súa posta de longo estivo amenizada polas notas dunha banda de música a bordo. Foi remolcado pola motora Pepe Lestón cara ao porto de Muros. Alí agardaría a contratación de capitán e tripulación. Polo arqueo practicado, sabemos que tiña as seguintes dimensións: eslora, 36,08 m ; manga, 8,28 m e puntal 4,14 m. A súa tonelaxe total era de 276,14 (datos tomados do arquivo da Comandancia de Noia). Aquel arqueo foi aprobado pola Dirección Xeral de Navegación e Pesca con data do 6 de marzo de 1920. Polas súas características e dimensións foi o barco máis grande construído no concello de Porto do Son ao longo da súa historia.

Custou 100000 pesetas e pertencía en propiedade aos armadores xa citados, unha 13ª parte a Manuel Fernández e o resto a Félix Pouso. Esta información aparecerá como copia e testemuño de escritura pública outorgada en Rianxo ante o notario Francisco Javier Hidalgo Serrano o 25 de marzo daquel ano, 1920.

O Puerto del Son tivo unha vida curta. Comezou facendo viaxes polo Mediterráneo, saíndo do seu porto base, en Cádiz. En decembro de 1921 precisou que se desmontase o seu temón para colocarlle unhas abrazadeiras na parte máis alta do azafrán, ocasionando uns gastos de 225 pesetas. O 10 de xullo de 1924 pasou a ser propiedade do veciño de Almería, José Martínez Ruíz, por 900 pesetas para ser desmantelado, previa autorización do Director Xeral de Navegación. Sería despezado naquel porto o 18 de setembro de 1924.

Aínda que ficou na lembranza dos sonenses nestes cen anos, nunca volveu a Porto do Son.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *