Faiado con vistas -minifundio-.

papeles-pintados-claraboyaMarina Losada Vicente. Alba pediu que o cabodano de Xolo se celebrase en sábado. Ninguén a esperaba Se aínda fora no enterro! Certo que daquela estabamos pechados pola pandemia, pero vir desde Lleida por un tío que nin sequera tivo a ben testar! Non é fácil ser o transmisor dunha herdanza. A min, que xestionei os tributos, fíxome falta escoitar a Alba para entender os motivos do causante. Causante, nas sucesións, é a persoa da que provén o dereito dos chamados á herdanza. Neste caso, o único irmán vivo e os fillos e fillas das irmás premortas, pois Xolo morreu sen descendencia.

Non fixo as partillas –abintestato, en linguaxe xurídica–-, láiase a familia! A sorpresa de Nelo, o irmán que o atendeu cando enfermou, foi grande. Tamén refolgou o sobriño que o acompañaba ao hospital. Aínda que era xeneroso con eles, ou quizais por iso, contaban coa vivenda.

Mentres se fala da venda, Alba recorda vivir na casa ata os dez anos, hai hoxe cincuenta. Lembra a avoa falar de botar o tellado, da cheminea… coa fachenda de quen constrúe algo de seu. Mira o mar desde a claraboia do faiado, un cadro vivo, agardando a que a gamela “Albiña” e o tío Xolo amarren.

Aínda en vida da nai, o tío deulle un alto á casa, un seguro para os que estaban lonxe, que cada ano eran máis. No testamento dela, fillos e fillas a partes iguais, mais a familia recoñeceulle as melloras e quedou coa propiedade.

Por iso deixou clara a súa vontade, dime a sobriña, sen escribila: a casa da avoa é de toda a súa proxenie. De preguntarlle a ela, Alba diría que lle corresponde un recuncho do tellado con vistas ao mar. Ou a gamela, de vivir en Rianxo. De preguntarme a min, unha dezaseisava parte da propiedade.

Aquela nena entende as razóns do tío Xolo a non testar. A non preferir. A non apartar. Mais non deixa de sentilo. Sabe que a casa seguiría na familia se lla deixase ao irmán que coidou del, igual que coida desde hai anos da gamela. Sabe que, por recoñecela a ela e aos seus fillos, embarcación e casa van perderse para sempre nunha operación mercantil de compra-venda.

2 comentarios en “Faiado con vistas -minifundio-.

  1. Boa tarde, Magdalena: Entendo moi ben a Xolo por non querer nomear herdeiros. Escoller a alguén polo único motivo de que está cerca, olvidándose de quen non tivo máis remedio que emigrar é inxusto. Máis coincido co último pensamento de Alba. Se a casa familiar quedase para o irmán que o coidou esta seguiría sendo dos Fungueiriño. Bicos

  2. Bos días, querida Marina :
    Hai xente que só lle interesan os títulos, os títulos de propiedade. E si veñen de bóbilis bóbilis, moito mellor. Esa xente de ambición desmedida, ten todo o necesario para ser desdichada.
    Unha aperta desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *