A Igrexa Evanxélica Ebenezer

GL25P50F1_20054Ezequiel Lago Mallo e Francisco Mallo Area. No termo municipal de Santa Uxía de Ribeira, concretamente na actual parroquia de Castiñeiras, encóntrase edificada dende hai máis dun século a Igrexa Evanxélica Ebenezer. Hai que ter presente que no pasado a parroquia de Castiñeiras non existía como tal (creouse nos anos 70), pertencendo así esta igrexa nas súas orixes á antiga parroquia de Carreira.

Con todo, aínda que a vetusta igrexa comezou a construírse no ano 1910 (como indica un dos linteis do edificio) e abriu oficialmente as súas portas no 1912, as orixes do protestantismo no municipio remóntanse a varias décadas atrás no tempo; grazas a diversas correspondencias, como a do párroco de Santa Uxía e a do arcebispado de Santiago, ou unha solicitude do alcalde do municipio ao gobernador eclesiástico, podemos coñecer que, dende o ano 1889, o protestantismo xa estaba presente no municipio, moi posiblemente da man dun veciño de Marín, de profesión panadeiro, Antonio Acuña, o cal, a pesar de que se trasladara ao municipio para exercer a súa profesión, comezaría a difundir o evanxeo, véndose nos seguintes anos reforzado por outros compañeiros de fe e pastores evanxélicos, moitos destes últimos, de orixe inglesa.

O seu labor evanxelizador non foi nin doado nin estivo falto de detractores; dende un primeiro momento, “evidentemente”, as autoridades relixiosas católicas locais amosaron o seu rexeitamento frontal ao seu labor evanxelizador, e non todos os veciños e veciñas do municipio vían con bos ollos as súas intencións, en parte inevitablemente polo labor de descrédito realizado casa por casa por parte das diferentes autoridades relixiosas. Nese contexto, en 1892, destacou a chegada dos pastores Cecilio Hoyle y Enrique Turrall; o primeiro destes adquiriría unha vivenda ou local nese mesmo ano, para ampliar a obra evanxelizadora.

É a partir deste momento en que comeza un período de algo menos de 20 anos nos que se suceden enfrontamentos verbais e físicos, conversas, correspondencias escritas e telégrafos entre autoridades que van dende as relixiosas locais ou a alcaldía ata autoridades superiores como o Gobernador ou Vicecónsul británico; non é menos destacable o feito de que moitos destes enfrontamentos rematan coa intervención da Garda Civil ou a chegada a instancias xudiciais. Moitos destes enfrontamentos, amén das informacións que podemos obter das correspondencias anteriormente citadas, foron recollidos en documentos e expedientes da Garda Civil.

Xa ao redor do ano 1909, as enérxicas protestas que viñan caracterizando o rexeitamento e oposición católica irán indo a menos e seguirán nesa tendencia co paso dos anos; ao mesmo tempo, o protestantismo continúa consolidándose, como indicaría mesmamente a creación da igrexa coa que comezabamos estas liñas. Durante este proceso, serían moitos os crentes e representantes doutras localidades os que se trasladarían ate o municipio para apoiar a causa. A única materia pendente será a obtención dun espazo que dedicar como cemiterio, xa que os crentes tiñan que ser enterrados en montes; non se obtería ata finais dos anos 20.

Pasados un cento de anos, podemos afirmar que o protestantismo segue presente na comarca, existindo plena convivencia co catolicismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *