Gonzalo Trasbach. Cuba: son e ritmo. Música. Sensualidade e cadeiras cimbrando. Bocas pintadas, frescos sorrisos. Luxuria salgada nas rochas do malecón. A Habana. Silencio e ruído. Ateigada de cornechos misteriosos. Nenos xogando na escuridade morna da noite en rúas poeirentas. Escunchada coma unha vella desdentada bailando un bolero cun puro na boca. Mirada de bicha que che di ao pasar: <Si te tratan mal allá, ¡vente pa´ca, mi amol!”>.
Hai un lugar nesa máxica cidade de aspecto colonial e aire popular ateigada de misterios e espectros, que se mal non lembras chámase Buena Vista, un sitio onde fai agora 25 anos que se gravou un monumento musical que leva o título de “Buena Vista Social Club”, unha rutilante pedra preciosa de son cubano, ese legado que a negritude sementou na illa caribeña.
Os afeccionados á boa música, ao baile sensual, insinuante, de roce de roupas cos corpos acendidos e suorentos, esa danza que implica escoitar o que sae de dentro desa xoia, están de noraboa. Dispoñen arestora da oportunidade de desfrutar dunha luxosa reedición das gravacións que milagrosamente se plasmaron fai un cuarto de século na capital cubana.
Este estupendo regalo contén dous fermosos vinilos, máis dous Cd’s, recollidos nun bonito libro no que hai textos explicativos daquel histórico encontro sonoro, ademais de retratos dos artistas implicados, pero tamén dunha Habana que se sabe tamén igual de protagonista, e cuxa máxica auréola penetra nos sulcos da música.
Como todo acontecemento sónico auténtico, un accidente, unha casualidade, provocou o fenómeno Buena Vista Social Club. Vexamos: o produtor Nick Gold non tiña previsto facer o que finalmente resultou: o rescate do esquecido mundo sonoro da illa (iso que algúns entre nós denominaban “vella troba cubana”), o das vellas figuras musicais das cales nada ou case nada se sabía por aquel entón en España.
Nun principio, o proxecto de Gold era conectar o son cubano co africano. A idea era demostrar e pór de relevo os lazos que xunguían os dous mundos sónicos. Foi por isto polo que contactou con Ry Cooder, co fin de que o guitarrista californiano exercese de coordinador e establecera pontes de comunicación entre ambos colectivos musicais. E tomou esta elección ao ter en conta o éxito que un par de anos antes obtivera a colaboración entre Cooder e o maliense Ali Farka Touré. Pero un erro cos visados impediu que a expedición africana aterrara no aeroporto de La Habana.
Foi deste xeito como se decidiu improvisar cos artistas cubanos, o cal deu lugar ao rescate do impresionante cancioneiro cubano, así como das vellas glorias do son e do bolero. Figuras que posteriormente foron alzadas aos cumios máis altos do mundo sonoro latino mediante a gravación cinematográfica que o cineasta xermano Win Wenders realizou dos dous concertos que se celebraron para presentar o álbum diante do público.
Cooder recoñeceu fai pouco tempo que tamén fora froito da improvisación e a casualidade a participación no disco da grande vocalista Omara Portuondo. Esta estaba gravando o seu propio álbum nunha sala contigua do estudo e, logo da insistencia de Ry e Compay, conseguiron que a súa voz deixase a súa pegada nas gravacións deste marabilloso Buena Vista Social Club, onde fai un impresionante dueto con Compay Segundo, como se pode comprobar no tema Veinte años.
O ambiente distendido que existiu durante as sesións no estudo quedou plasmado nun disco no que alenta unha perfecta mestura de experiencia, pericia, xogo e sensualidade. En suma, estamos ante unha fabulosa oportunidade para adentrarnos nunhas gravacións que colocaron a Cuba, tras vivir moitos anos afogada no esquecemento, no mapa sonoro mundial.
Ademais dos citados Ry Cooder, Compay Segundo e Omara Portuondo, participaron nas gravacións das 14 cancións o xenial pianista Rubén González, Ibrahim Ferrer, Elíades Ochoa, Benito Suárez, Salvador Repilado, Julio Alberto Fernández, Orlando “Cachito” López, Carlos González, Joachim Cooder, Alberto Valdés, Lázaro Villo e Manuel “Puntillita” Licea.
Boa tarde-noite, amiga Magdalena. Gracias a ti pola túa atención e consideración. Só é unha pequena información sobre a reedición dun disco mítico. Polo outro lado lembrei a miña curta visita a La Habana vendo a última película de James Bond, cando o axente entra no porto de Santiago de Cuba e logo vese nunha escena aos nenos xogando nunha rúa poirenta. Entón recordei aqueles maravillosos días na capital da illa. Bueno, moitas gracias e unha doce aperta.
Os recordos son parte da nosa vida, e se son fermosos, mellor .
Unha aperta, Gonzalo.
Boas tardes, querido Gonzalo:
Nunca estuven en Cuba, pero léndote, xa unha desexa toparse chea de luxuria salgada por esas rochas do malecón nesa mornura da noite habaneira.
Que cousas máis fermosas escribes, amigo Trasbach!
Sabes unha cousa? a Compaiy Segundo si que o coñecín, e gustabame moito. Vou a dicirlle á miña filla se me pode conseguir algo desas vellas glorias do son e do bolero.
Preciosa entrada, Gonzalo, moitas felicidades pola tua cultura musical.
Unha aperta palmeirana.