Carlos Pereira. Estirpe de Poseidón

As Letras da Arte.BbaleasAntonio Piñeiro. Polas vereas mergulladas da natureza vai a gran parada dos seres vivos. O ollo do arquitecto universal dispón a danza no lombo dunha estrela de mar. Cada fracción de espazo-tempo, malia o teorema euclidiano, é ocupada polo anel impreciso dunha cuncha. A danza das baleas deixa a súa trécola riseira ao lonxe. Desde o profundo soben árbores de diatomeas mentres os peixes respiran auga de cor. Delicadamente simbólica, intimamente filosófica, afervoadamente plástica, anque minuciosa, ata o extremo dun traballo téxtil, comprobei como a nova achega de Carlos Pereira concitou cualificacións apaixonadas no libro de visita.

Cunha temática próxima ao bestiario, unha das máis acaídas á matriz surrealista, decateime en Carlos da actualidade de ambas. A comprensión do mundo pasou sempre pola perplexidade ante a multitude da vida, ante a transmutabilidade dos organismos, dos corpos, das súas distantes orixes, formas e cambios; e iso non o pode abarcar por enteiro a realidade.

Quizais sexa un aliciente para nos achegar a iso que chaman o gran arquitecto universal. Entender o vivo e mais o inerte só como facetas desa arquitectura. Matino que a razón, iso ao que nós chamamos efecto do pensamento, é outra. E pénsoo tamén ao ficar diante dunha das obras de Carlos Pereira, percibindo esa relatividade absoluta do peixe cíclope roldando a manda de flores alóctonas. Acírrame a escolla das súas centralidades, a órbita das súas cunchas, a asimetría coherente da danza das baleas, a conversa calada no lombo das luras, ou a indefensión implícita na orde das ringleiras que, malia as súas acepcións, el non desbota, consciente da cernal verdade que reside na dualidade, na diferenza, na diversidade.

Por se non me estou a explicar de vez: compacto e miudallo, animado e inanimado, cores complementarias, infinito subatómico e infinito cósmico, polos opostos, orde e caos, son todos binomios dun equilibrio que cecais se nos escape ao entendemento, mais non á intuición, que é precisamente a que enceta a pescuda estética, a pescuda tras a que anda esta nova achega do Carlos.

Tecnicamente próximo á ilustración, campo no que se moveu decote, en publicacións coma O Loro ou Os habitantes do lago, Carlos Pereira non para de sorprender pola altura á que pon o concepto. A forza da idea, do tema, dos motivos, mesmo do tratamento plástico, sitúa cada obra no peso específico dun gran formato ou dun significado pecho (sen que o termo pechoqueira afectar aquí a polivalencia que unha pintura ten sempre coma acto comunicativo aberto).

Admirado na proposta de Carlos Pereira, reparo no ollo espiritual sobre a caluga dese paxaro que porta a cuncha sagrada, mentres el guicha en nós e voa sobre un agro híbrido, no que pastan os grandes peixes do tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *