O inconsciente é un océano de néboa

eyJ0eXAiOiJKV1QiLCJhbGciOiJIUzI1NiJ9.eyJpbSI6WyJcL2FydHdvcmtcL2ltYWdlRmlsZVwvZnJpZWRyaWNoX2hpc3RvcmlhLWFydGUuanBnIiwicmVzaXplLDgwMCJdfQ.8dXCnXXSza8vPoEYxsVxmWN4BKeMFFp0Yotkof8qqHkX. Ricardo Losada. Escribimos, dixo alguén, para saber o que non sabemos que sabemos. É a impresión que teño agora mesmo, luns pola mañá, ao pórme a escribir este texto tras unha viaxe de fin de semana á Fonsagrada. Hai algo que non sei que sei sobre esa viaxe, e quero saber que é. Porque, quizais, quen sabe, nesa ignorancia íntima e fértil estea a clave que me permita entender por que na viaxe de volta, algo máis de dúas horas e media, estiven dominado por unha radiación de fondo de felicidade moi intensa e que, por moito que o intentei, non conseguín descifrar de onde viña.

Permitide, xa que logo, que repase esa visita. Saída de Rianxo coa muller o sábado pola mañá. Autovía do Barbanza. Autopista do Atlántico. Autovía Santiago-Lugo. Autovía do Noroeste. Saída en Baleira. Estrada nacional a Fonsagrada. Contemplación desde o coche, mentres ascendemos, dun océano de néboa que me recorda o pintor romántico Friedrich. Encontro no centro da vila cos outros oito amigos cos que quedaramos de facer unha viaxe gastronómica. Visita ao museo etnográfico é á seimeira de Vilagocende. Cocido no hotel Cantábrico. Visita ao cemiterio, que, en comparación co de Rianxo, sorpréndeme pola riqueza que denotan as tumbas e panteóns, e que me fai preguntar onde están enterrados os pobres. Paseo no lusco fusco polas rúas solitarias. Acomodación no fermoso e funcional hotel. Ducha reparadora e catártica. Paseo, agora nocturno, pola vila. Conversas amigables. Cea con caldo e polbo.

Pero todo iso xa o sabía e era consciente de que o sabía, e non pode ser a razón oculta desa feliz radiación de fondo, que tanto me intriga. De feito, volvo repasar as etapas da viaxe, máis a modo, unha e outra vez, como se dándolle máis tempo aos recordos puidese facilitarlles que exterioricen a súa verdadeira natureza. Así, consigo que a visita ao cemiterio e á seimeira, pero, sobre todo, o cocido e o océano de néboa, cos Ancares ao fondo, dean un paso adiante e confundan por un momento a miña emotividade. Pero axiña me decato de que non foron a causa do meu feliz e prolongado estremecemento interior e, decepcionado, deixo de escribir, ata que, case de súbito, percibo que os meus dedos, como se tivesen vida propia, seguen dándolles ás teclas, alleos á miña vontade:

Non contaches, escriben, que, despois da cea, fostes a un pub. Un pub no que ao mesmo tempo se podía bailar e xogar ás cartas. E que pediches un gin tonic de Seagrams e que, cando a camareira, de orixe eslavo, che dixo: O Seagrams xa non se fabrica, ti dixécheslle: Acabo de tomalo noutro bar e, a pesar do seu desprezo, aceptaches que che puxese un de Beefeter. E tampouco recordaches que despois xogaches unha partida de futbolín con tres dos teus amigos, e bailaches porque a música che gustaba pero, sobre todo, porque che apetecía bailar xa que, sentiches, levabas séculos sen facelo e estabas ante unha oportunidade única. E, aínda así, xogando ao futbolín e bailando a aquelas intempestivas horas, non te sentiches estraño nin ameazado polas miradas xuvenís, por moito que, ao entrar, lles dixeras aos amigos que cando eras mozo e vías entrar nun pub clientes da nosa, e de bastante menos, idade, botabas pestes contra eles. Pois iso é o que non sabes que sabes. Que, a medida que pasan os anos, a cultura, a gastronomía e a paisaxe son rutinas da alma, formas discretas de goce, praceres que só consisten, como diría Schopenhauer, en ausencia de dor. E que o único que xera verdadeira e íntima felicidade é facer o que algún día fixeches e pensabas que xa non che apetecía facer.

 

P.D.: Nin que dicir que neste caso, e sen que sirva de precedente, non estou de acordo coas conclusións do meu inconsciente sobre a causa desa enigmática felicidade, e prefiro seguir afogado nun océano de néboa.

2 comentarios en “O inconsciente é un océano de néboa

  1. Prezada Magdalena:

    Sinto moito non recordar de quen é esa frase. Pero coincido contigo. Calquera escritor e calquera lector sabe que é moi precisa.

    Non é que non me guste viaxar. É, simplemente, que non o necesito. Ningunha viaxe me aportou, nin aportará, ningunha percepción, recordo, emoción, reflexión ou coñecemento que non poida ter en Rianxo, xa sexa coa inmediatez da miña vida, xa sexa coa mediatez dun bo libro. Sinto máis emoción vendo a igrexa de santa Comba que a catedral de “pon a cidade que queiras”. Coñezo mellor a cultura de calquera lugar do mundo lendo un bo libro que viaxando a ese lugar. E podía seguir así indefinidamente, incluíndo que nunca necesitei desconectar, nin do traballo nin das miñas rutinas. Iso si. Sempre que viaxei paseino de marabilla.

    Que ben citas. Esa referencia ao Constantino Candeira e ao Gelria é perfecta.

    Agradezo moito as túas palabras sobre O rosario e a buguina. Estame dando moitas
    alegrías.

    Unha moi forte aperta!!

  2. Boa frase, querido profesor, esa de “Escribimos, para saber o que non sabemos que sabemos”. Hai outra que di: ” En certa maneira, debe facerse a lectura coa finalidade de tomar notas”. Eu así o fago co que ti escribes, para saber un pouquiño do que non sei.

    E agora, referente aos viaxes, sempre me sorprendeu que non che gustase esa aventura. Bueno, todos temos algunha rareza, e ti non te salvas desa anomalía bastante común. Eu, agora non o fago porque teño outras prioridades pero, na miña cabeza aínda está o grato recordo de todos eles, especialmente o de “la Ville lumiére”.

    Eu comprendo que para ti, Rianxo, sexa como o Constantino Candeira, donde podes traballar cantando a todalas horas. E que París, ou calquera outro precioso lugar (coma por exemplo Consagrada) sexa o trasatlántico holandés Gelria co seu enorme progreso. Pero as veces, hai que facerlle caso o inconsciente e deixar fluir esa enigmática felicidade para tomar (aínda que sexa con Beefeter) noutro lugar fora de Rianxo,un gin tonic.

    P.D Unha agradecida aperta polas horas de satisfacción que me fixestes pasar co teu libro “O rosario e a buguina”. deséxoche moita sorte, e dicirlle aos futuros lectores que non se demoren moito en telo nas mans. Merece a pena.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>