Os días D (…do desembarco)

escritorasPilar Sampedro. Sempre ás voltas cos días d ou días D. Esta vez tócame falar do Días das Escritoras. Esta celebración vai pola sexta edición. Nace da Biblioteca Nacional deEspaña co obxectivo de reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da Historia. Na Biblioteca Nacional, cada ano encárganlle o manifesto a unha escritora (neste, á poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños) e ela é quen escolle un tema arredor do que se seleccionan textos de mulleres para a súa lectura; neste caso o lema era Ler as idades da vida. De todos xeitos, cada institución ou asociación que secunda a convocatoria busca a mellor maneira de facer visible a escrita das mulleres.

A data escollida é o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús, que se conmemora o 15 de outubro. Seguindo este acordo, este ano, a data escollida foi o luns 18.

Esta iniciativa está sendo secundada por institucións que a nivel español, e internacional se engaden á proposta, e así aparecen na súa web e dentro do seu mapa. En África e América, en Francia e diferentes comunidades autónomas españolas. En Galicia comezou a asociación Lisístrata e a Biblioteca Ánxel Casal que levan dende o principio lendo os textos previstos pola Biblioteca Nacional. A continuación, sumáronse a Fundación Neira Vilas que celebra a Anisia Miranda, esa autora que supón a parte feminina desa casa, aproveitando a ocasión para ler os seus textos (neste ano Mitos e lendas da vella Grecia) e neste 2021 convocar o premio que leva o seu nome (Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia) retomando así o que se coñecía como premio Estornela. Ao tempo, tamén se sumou a Asesoría de Bibliotecas Escolares coas bibliotecas de varios centros educativos. Neste último ano, participaron tamén o Ateneo de Santiago coa conferencia “Luz Pozo Garza e Xohana Torres. Ler dúas escritoras diferentes” da especialista en literatura de muller, Carmen Blanco, e as Bibliotecas Públicas de Redondela que realizan unha lectura de poemas de creadoras de distintas nacionalidades tomando como base as obras doadas pola Fundación Filomena Rivero Alonso.

É necesario facer visibles as escritoras, para pagar dalgunha maneira as inxustizas que se cometeron con elas, cando foron silenciadas, cando tiveron que ocultarse detrás de nomes masculinos ou cando tiveron que demostrar a súa valía contra todo prognóstico. Certamente, a ese nivel, as cousas teñen cambiado ata o punto de terse producido unha certa controversia ao redor do último premio Planeta cando se fixo público que detrás dun nome de muller (Carmen Mola) se ocultaban tres homes (Antonio Mercero, Agustín Martínez e Jorge Díaz). Certamente, quen máis necesita que se ilumine a súa obra, nestes tempos de novidade apresurada, son as mulleres que foron escritoras noutros tempos de discriminación máis evidente; por iso animamos a continuar por ese camiño e convidamos anosa asociación a celebrar o próximo Días das Escritoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *