Amor, beleza e sedución no “Banquete” de Platón

agonía de erosGonzalo Trasbach. Nos últimos días, da man de Byung-Chul Han, o filósofo coreano afincado en Berlín, volvín a mirada cara a Platón. O sobado mito da caverna e o mangoneado Banquete ficaron enriba da miña mesa. Hoxe quero falar da segunda obra. Na Agonía de Eros, Han cita un libro de Marsilio Ficino, De amore. Comentario al Banquete de Platón (Tecnos), onde este describe o “ollo erotizado” que, a semellanza dos “dentes erotizados” do xabarín que matou o belo mozo Adonis (Fedro de Platón), está dominado por unha paixón mortal (páxina 31).

Pois ben, lembremos que, como en todos os diálogos, que abranguen as dúas primeiras etapas da produción literaria platónica, o personaxe principal do Banquete, un dos máis sobranceiros dos chamados doutrinais, é Sócrates, tamén alcumado “Atopos”, en virtude da súa singularidade. Como é sabido, o amor e a beleza constitúen o fío argumental dun texto cuxo ritmo está tocado por unha atmosfera teatral, por entradas e saídas tan potentes como as máis gabadas da literatura dramática, herdanza dos seus comezos como poeta-dramaturgo. Presentado como sedutor, amado e amante, Sócrates, ademais, semella que dun xeito deliberado, é o último en chegar ao lugar do banquete, onde xa agardan os outros convidados e o anfitrión Agatón. A máis significativa é, sen dúbida, a intempestiva irrupción de Alcibíades no escenario da festa.

Detalle da morte de Sócrates, Jacques Louis David
Detalle da morte de Sócrates, Jacques Louis David

Amosa Platón neste diálogo un virtuosismo estilístico e un dominio escénico sen comparanza. Escoitar cunha mínima dose de confianza o que se propón explicarnos Alcibíades é coma atravesar unha paraxe ateigada de atrancos e trampas. É difícil atopar noutra obra unha descrición dos sentimentos dun discípulo cara ao seu mestre como a que fai Alcibíades, quen di que estes <discursos de la sabiduría> féreno coma unha mordedura de serpe, que lle arrinca bagullas. E confesa que Pericles e outros bos oradores en contraposición a Sócrates non conseguen conmovelo nin inquietalo: ás súas palabras fáltalles a forza erótica da sedución.

Alcibíades, non só aparece diante de nós bébedo e armando bulla pola rúa, senón que se atopa nun estado que lle é favorable para utilizar tacticamente a súa embriaguez. Aínda moito peor, Platón refire que a súa sensibilidade no momento do banquete na casa de Agatón é dun talante axitado e turbulento, o que o levará, pouco despois, á ruína física e social. Dun xeito compulsivo, Alcibíades insiste na singularidade do mestre. Fala dun home de formidable resistencia física e temerario no combate, e que, ademais, pode beber enormes cantidades de viño sen empiparse. E tamén fala do seu ascetismo, coa súa inmunidade fronte ás necesidades materiais e desexos. Cando describe a fealdade do mestre, faino con vehemencia. É un sátiro bulboso con napia de boxeador. Cara e corpo non se corresponden co canon da beleza masculina, ese lustre apolíneo que a tradición atribuíu a Platón. Con todo, os poderes de sedución do mestre non teñen rival. Ninguén se pode resistir ao feitizo carismático de Sócrates, ao embruxo da súa presenza. A sedución vai máis aló das palabras. É un composto indefiníbel, espiritual e carnal.

Sócrates e Alcibíades por Édouard-Henri_Avril
Sócrates e Alcibíades por Édouard-Henri Avril

O discípulo consómese de desexo polo mestre. A enumeración que Alcibíades fai dos seus intentos por ter relacións sexuais con Sócrates está tinxida dun humor disparatado e cheo dunha autoironía que desafía a paráfrase. Inmediatamente, como unha premonición, é xulgado Sócrates “por arrogancia”. O belo Alcibíades <durmiu toda unha noite con este home divino e extraordinario> ao que desexa e ama con loucura. Ten que abandonalo pola mañá, frustrado diante do irónico autodominio do que fai gala o mestre, un mestre inmortalizado en numerosas esculturas erguidas en cidades europeas e cuxa figura, sen dúbida, alenta no Sedutor de Kierkeggard.

Volvemos a Han. Di este na páxina 39 da Agonía de Eros: <El amor es una conclusión absoluta porque presupone la muerte, la renuncia a sí mismo>, de aí, concluímos nós, a ruína física e social de Alcibíades. De non ser así, morrería volto sobre si mesmo, sen coñecer o outro e encharcado de narcisismo. E pechamos con esta pregunta: Terían razón os acusadores do mestre cando percibiron a súa actitude ambigua, posiblemente negativa ou anárquica cara ao establecido?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *