Eu son outros

llamandoX. Ricardo Losada. Hai ideas que me parecen fermosísimas, como esta que di Lisa Randall, especialista en física de partículas, nunha entrevista de promoción do seu último libro Llamando a las puertas del cielo: “O Gran Colisionador de Hadróns (GCH) parece un intento de toma de conciencia de si mesmo por parte do universo físico”. Como é sabido, no GCH do CERN de Xenebra aceléranse protóns a velocidades próximas ás da luz para simular sucesos inmediatamente posteriores ao Big Bang. Deduzo libremente das palabras de Randall que nese GCH non lle estamos a facer unha foto ao universo, estamos prestándolle a atención que desesperadamente nos pide. Gústame pensar que esa inmensidade en expansión a velocidades inimaxinables que é o universo, se sentía só e desamparado, e que, como un neno que molesta porque quere saber que existe, creou unhas leis físicas que esixen, tras innumerables estoupidos xigantescos, a aparición dun ser que o mire con tanta dedicación como o GCH require.

razon     Leo esa mesma idea nunha crítica de Emilio de Benito a un libro titulado A razón pola que salto, de Naoki Higashida, un neno que aos 13 anos conseguiu vencer o illamento case absoluto do seu autismo grazas a unha táboa de símbolos, ideada pola nai, que lle permite ter voz propia. Naoki rompe os tópicos sobre a súa enfermidade (“Nunca vos dades conta do infelices que somos”, “Seguide axudándonos ata o final”), mostra as súas frustracións e aos do seu entorno, e responde preguntas como Por que os autistas falamos tan alto e tan raro, Por que somos incapaces de manter contacto visual, ou Por que saltamos. Todo contado cun optimismo que busca animar a pais de nenos autistas a romper a cuncha que os rodea. Unha cuncha que, por moito que se diga, non é parte definitoria da súa personalidade.

     Aínda non lin eses libros, pero estou desexándoo. Encantarame volver comprobar, para máis en ámbitos tan inesperados e distintos, que a famosa frase de Sartre “O inferno son os outros” é falsa.

2 comentarios en “Eu son outros

  1. Que cousas! Colisionador de hadrons? Eu so coñezo o de ladróns!
    O universo pide a nosa atención!. Que é iso do Universo? E, o Big Bang que vén sendo? Non sei eu tanto… e penso que nunca darei acadado semellante nivel. E para rematala relacionar todos eses contos do CER de Xenebra co neno autista. Felicítoche pola túa grande imaxinación e fe na Ciencia.

    1. Pola fe na ciencia non hai que felicitarme. Todos a temos: chega con usar o móbil e crer que alguén real nos fala ao outro lado, ou con subir nun avión coa (relativa) seguridade de que non vai caer.
      Grazas polo comentario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *