A primeira boneca

O Fío de Ariadna. Boneca anos 40Encarna Pego. Hai días que Vigo apagou as luces de Nadal e que as crianzas recibiron a visita farturenta dos Magos. Véñenme á memoria cousas que lles ouvín aos meus vellos.

A sorpresa de miña nai, a nena da casa, foi cando o maior dos irmáns regresou de Ferrol coa mili cumprida e lle trouxo unha boneca de verdade. Nunca tal viran nin ela nin as amigas. Facíanlle roupa, dábanlle de comer, cantábanlle… Todo o que vían facer.

Morría entón moita xente: vella, nova e anxiños. Elas ían acotío aos velorios coas nais e avoas. Para as nenas era natural.

Un día tiveron a idea de que a boneca tamén podía morrer. Metérona nunha caixa de zapatos e velárona, chorando, como tiñan visto. Logo da procesión pola eira e as oracións pertinentes, soterrárona debaixo do hórreo, e foron todas satisfeitas para a casa.

Dúas noites e un día de chuvia despois, a dona quixo volver xogar coa boneca e foina desenterrar. Aí empezou o verdadeiro pranto. A boneca de cartón estaba totalmente desfeita. Feita po!

Un comentario en “A primeira boneca

  1. Miña nai conta algo parecido, só que ela decidiu bañar a boneca nun regato. Foi a primeira e a última que tivo. Encantada de lerche, coma sempre. Un saúdo, Encarna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *