Ás voltas coa banca

dinero-bancoMarina Losada Vicente. «Os cartos son meus! Que poida sacalos Icía non ten nada que ver. Ou a casa tamén é da neta porque teña chave? Asinei para metela na conta? Si. Tamén asinei no concello para empadroala e non por iso temos “compartida” a propiedade da casa!».

O empregado da banca e eu mesma, que estaba presente, quedamos coa boca pechada ante o acertado do razoamento da señora Tereixa.

«Cando traballaba, quen metía na conta o que ía aforrando? Eu. Quen deixa todos os meses unha parte da xubilación? Eu. Ingresou un euro a neta? Non. Que a puxese na conta é culpa da Internet esa do banco, que non vale para vellas. E tamén a multa e culpa vosa, que lla puxeron o día que me trouxo a cobrar a pensión, porque aparcou diante desa porta, que coa que caía non ía estar eu á chuvia unha hora».

«Puxéronme a min a multa? Non. Puxéronlla á rapaza, e con que vai pagala, con cunchas da ribeira? Pois que lle dean traballo e que lla desconten! A min non teñen dereito a embargarme nin un céntimo!». Para iso estaba eu alí, para pedir un certificado de depósitos, baseado na normativa que establece que “a facultade de disposición sobre contas bancarias solidarias ou indistintas obriga a distinguir entre titularidade de disposición, que só ten efectos bancarios, e titularidade dominical (de dominio), que determina a propiedade dos mesmos, segundo o ordenamento xurídico xeral”, o que vén querendo dicir, precisamente, o que Tereixa mantiña: Os cartos son de quen os depositou no banco non de quen ten disposición deles.

«Nin dominical nin festiva», dixo a clienta ao escoitarme,«diga a Igrexa o que queira! Ou a casa parroquial non segue sendo deles porque quedou vivindo “de ocupa” a sancristá cando morreu o cura?».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *