As linguas inimigas

ulad kristofFidel Vidal. Un “agasallo para o intelecto”, así foi como a crítica definiu A Analfabeta: Relato autobiográfico, de Agota Kristof (Alpha Decay, 2015). Trátase dunha biografía condensada en once capítulos, ou fragmentos dos mesmos, e non por iso, ou polo mesmo, deixan de estremecernos. Cunha narrativa lacónica, como adoita facelo a nosa autora, é quen de contarnos a súa vida. Un libriño que se le dunha sentada e deixa pegada para sempre. Abrangue a infancia feliz -malia a pobreza na que vivía en Hungría (“unha aldea sen electricidade, nin auga corrente, nin teléfono”)-, até chegar a Suiza. Sen esquecer a guerra, a morte de Stalin, a penosa emigración.

Desde cativa foi unha gran lectora (“Ler é como unha enfermidade. Leo todo canto cae nas miñas mans”), daquela lectora en húngaro, a súa lingua. “Ao principio, non había máis que unha soa lingua. Os obxectos, as cousas, os sentimentos, as cores, os soños, as cartas, os libros, os diarios, estaban nesa lingua”. Despois viñeron as linguas inimigas, impostas, primeiro o alemán e despois o ruso. Coa chegada a Suíza, aparece o francés, a lingua na que ela escribe. “Falo francés desde hai máis de trinta anos, escríboo desde hai vinte anos” axudándose de dicionarios. “Esa é a razón pola que digo que a lingua francesa, tamén ela, é unha lingua inimiga. Pero hai outra razón, e é a máis grave: esta lingua está matando a miña lingua materna”.

De ser analfabeta pasou a saber ler, por fin, unha das linguas inimigas. Se antes foron o ruso e o alemán as linguas inimigas que non deu aprendido, desta vez, en Neuchâtel, o francés toma o relevo e agora si, deixa de ser analfabeta: “Sei ler, de novo sei ler. Podo ler a Victor Hugo, Rousseau, Voltaire, Sartre, Camus, Michaux, Francis Ponge, Sade, todo o que queira ler en francés e tamén a autores non franceses, pero traducidos, como Faulkner, Steinbeck, Hemingway”. E menciona un dos seus autores preferidos, o “xenial autor de Si”, Thomas Bernhard (“Este libro está aquí, diante miña, na miña mesa, a carón de Formigón, O imitador, Tala e outros máis. foi o primeiro libro seu que lin”). O que nos fai lembrar ao Bernhard que admiraba e relía Monsieur Teste de Paul Valéry.

2 comentarios en “As linguas inimigas

  1. Ler foi antes que escribir. Talvez por iso a lectura teña tantos adictos e, ao mesmo tempo, afección á escrita. Deus nos libre das linguas invasoras. Bicos para Palmeira, prezada Naty.

  2. Apreciado Fidel:
    Desde cativa foi unha gran lectora (” Ler é unha enfermidade. Leo todo canto cae nas miñas mans”). Copio este párrafo, con tu permiso, porque me sirve para hacer alusión a lo que, hace poco, una amiga a la cual aprecio mucho, me decía exactamente lo mismo. Hoy la tenemos entre nosotros leyendo y escribiendo, con verdadera soltura, a todos esos grandes de la literatura.

    No cabe duda que, dentro de la cultura que adquieres con la lectura…, te sientes menos sola. Es como si alguien te acompañase en tu soledad.

    Me agradó leer tus: As linguas inimigas.

    Disfruta del comienzo de semana.
    Un beso desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *