A liña recta da nosa bandeira

descargaX. Ricardo Losada. Cando sexa vella non quero parecer máis nova, dixo a actriz Anna Magnani, quero parecer máis feliz. Recordo esta frase ao ler o terceiro tomo da extraordinaria biografía Castelao. Construtor da nación do, para min, xa fillo adoptivo de Rianxo Miguel Anxo Seixas. Tras rematalo, tiven a impresión de que Castelao non morreu feliz, pero si novo. Moi novo. Non puido morrer feliz porque pasou os últimos anos de vida pobre, practicamente cego e cun cancro de pulmón que fixo del un hospital ambulante. Pero iso non foi o peor. O peor foi o que simboliza esta frase que el mesmo escribiu: “Cheguei a París para representar a Galiza no Goberno da República. Os galegos significados esperáronme con pedras nas mans, a moita distancia de min, facéndose os xordomudos e desexando verme caído para apedrarme”.

Mais, a pesar desas duras palabras, é evidente que Castelao morreu novo. Primeiro, porque, como el tamén dixo, a súa vida moral e política foi unha liña recta como a franxa azul da nosa bandeira, esa bandeira que el plantou no sol da nosa lingua. Segundo, porque nunca diferenciou o sentido moral do sentido político. Emociona a súa teima por deixar claro que se da súa obra se elimina o que ten de galega e de humana, non queda nada: “Cando volva a Galiza e atope a Risco, doulle unha labazada e cúspolle nun ollo, pero despois recólloo nos brazos, érgoo e doulle unha aperta, e póñome a chorar con el, porque debémoslle tanto a Risco”.

Aínda así, creo eu, o que o mantivo tan mozo foi que, tendo ducias de razóns para a negrume e a bile, nunca perdeu a dignidade (Eu nunca volverei a Galiza amnistiado, dixo) nin o sentido do humor. Ao cancro chamáballe o peteiro do corvo, dicía que os doutores llo diagnosticaran como vinganza por ser un desertor (renunciara a ser médico) ou recordaba estas palabras dun borracho de Ourense: Vale máis morrer que perder a vida.

Se Seixas pretendía con esta biografía que Castelao non perdese a vida, sen ningunha dúbida, conseguiuno, e a este humilde lector só lle presta agradecerllo. Como ser humano. Como galego. Como rianxeiro.

2 comentarios en “A liña recta da nosa bandeira

  1. Prezada Magdalena:

    A min tamén me gusta moito a frase de Magnani. Pero eu non aspiro a ser máis feliz que de mozo. Aspiro a ser feliz doutra maneira. Paréceme máis acorde coas miñas posibilidades.

    Hoxe chamoume o noso común amigo Pepe para falarme desa frase que ti comentas. Tamén lle gustou moito. O máis fermoso é que non é ningunha mitificación. Castelao foi unha liña recta, un home dunha humanidade extraordinaria, cun compromiso ético co seu país e coa súa lingua admirables, pero sen ningún tipo de sectarismos nin dobres morais. Canto máis o leo e canto más sei da súa vida, máis o admiro. Envexo a Seixas pola dedicación e o esforzo que dedicou a estudalo. Gustaríame escribir unha Historia da Ética baseada na súa vida, con iso xa cho digo todo.

    Unha forte aperta!!!

  2. Eu tamén estou dacordo coa Magnani,querido profesor, pero ese peteiro de corvo sempre está buscando presas coas que encher o papo.
    Esa liña recta como a franxa azul da nosa bandeira (preciosa frase) da súa vida moral e política, deixouna ben dereita porque a súa moral descansaba naturalmente no sentimento que tiña polo seu pobo e pola súa xente. Xa sabes que hai xente que predica a moral e logo non a practica, pero o noso Castelao non a predicaba pero practicábaa.

    Unha aperta compartida coma sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *