O lume fóra

Ignacio CastroSomos  arboricidas ata na forma cívica de ordenar, como un parque urbano, a natureza circundante. Lembremos que a manida deforestación comezou por nós, eliminando nos humanos calquera selva de humidade, de maleza e ambivalencia.

Debido a tal  mutilación hoxe custa un pouco chegar ao corazón de cousas e persoas, lograr que alguén responda segundo os seus sentimentos e se expoña con eles. Despois de séculos de evolución, iluminadas as metrópoles por mil brillos que han de manter baixo control a noite, é coma se chegásemos outra vez para perder o lume, o ardor espontáneo de corpos e mentes, a radiación interna das situacións e as intuicións. O máis elemental sentido do humor parece retirarse a franxas horarias non contaminantes, baixo un programa seguro, enlatado e anunciado. Seica o significado último da nosa ideoloxía progresiva sexa este, chegar a abandonar o fondo de sombra, de dúbida e aventura, do que brotan as paixóns espontáneas dos corpos.

Fixémonos en como queremos ordenar as contornas, as liñas das árbores e a trazabilidade dos percorridos animais. Perdemos a fe na aura do visible, no significado da desorde terreal e na intelixencia dos sentidos. Talvez todo o noso espectacular despregamento de luzadas, noticias, titulares e efectos  virais, sexa o encorsetado sucedáneo dun fulgor real que deixamos no camiño, nalgunha creba (ou “fenda”) desta acelerada carreira de escape. Quixemos deixar atrás todo o que sexa desorde, engurras e mestura, bosque dos sentidos ou irregularidade emocional. Por iso habemos de recuperar un simulacro de ímpeto e forza nos videoxogos, o sexo programado, o espectáculo televisivo e as nosas campañas de limpeza militar a distancia.

De ser así, a incomprensión belixerante que mantemos ante tantas culturas exteriores, tamén a rusa, tería que ver coa nosa cabeza buscadora, unha puritana aversión protestante cara ás forzas  telúricas que aínda perviven en nós. É mesmo un pouco triste que tantos intelectuais que ata onte presumían de “freudianos” se abonen hoxe a esta campaña de hixiene cultural e corrección política, de deseño preferentemente angloamericano, que debe eliminar en nós todo o que non sexa estratexia e actualización veloz, sorriso e indiferenza desapiadada.

Os malos tratos sistemáticos da pobreza na poboación branca, negra e hispana, que exerce a nación elixida por Deus é un índice da aversión moderna a todo o que non sexa segura xeometría, imaxe, velocidade e liñas de deseño. Non nos vale calquera escura criatura, agás que sirva de mascota vacinada e hixienizada. Ou exerza de vítima afastada, coa que podemos envorcar nela unha cómoda solidariedade a distancia que xestiona seres inofensivos en recintos illados e con luvas de protección.

Un comentario en “O lume fóra

  1. Prezadísimo Ignacio:

    Non sei si tes ou non razón, pero tal como o contas, eu xa che fago unha reverencia histriónica.
    Felicidades.
    Apertas palmeiranas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *