Jesús Faustino Rañó Rodríguez, amor á terra dende Montevideo

O Escritor. CantigasPastor Rodríguez. Aínda que nado en Compostela en 1919, era orixinario de Rianxo e, na aldea de Brión, Leiro, pasou parte da súa nenez. Nunca a esqueceu. É grazas á rianxeira Raquel García Abuín, que se encargou de editar a súa poesía, Cantigas de aquén e alén mar, no ano 2015, nos Cadernos de Literatura Popular, por quen sabemos as vivencias deste emigrante. Dada a miseria na que vivían, súa nai marchou para Uruguai, e en 1930, dende Vigo, fóronse tamén J. Faustino e os seus avós. En Montevideo durmiron tres meses na rúa, pois non eran quen de caber onde vivía a súa familia; isto provocou a volta do avó só para Galicia de novo. Traballou dende rapaz nos oficios máis diversos, pero rematou por ser ebanista e aprenderlles a outros o oficio. Sempre preocupado por mellorar, graduouse na Escola Industrial e xa en 1948 puido completar o resto dos estudos. Con preocupacións culturais, foi membro do Padroado da Cultura Galega de Montevideo e colaborou coa Casa de España para axudar os exiliados da Guerra Civil. Nunca esqueceu o galego, nin os seus lugares de referencia (Santiago, Rianxo, Vigo), e a súa, como tantas outras, é unha historia de emigración: traballos, saudades, lealdade ao lugar natal, fidelidade coa lingua galega. Tamén tantos anos de emigración deixarán pegadas na súa poesía de raíz popular e forte carga musical.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *