Víctor Barbeito Pose/Julián Bustelo Abuín. As primeiras ocupacións humanas son unhas das grandes descoñecidas da investigación arqueolóxica no Barbanza. Non resulta fácil nin moi prolixo atopar referencias ás que deberon ser as primeiras vagas de poboadores, pero dalgunhas dispomos. A primeira referencia ao paleolítico barbanzán podemos atopala na obra Geografía general del Reino de Galicia, dirixida por Francesc Carreras i Candi. Trátase dunha obra colectiva publicada en Barcelona en 1928. Os tomos dedicados á provincia da Coruña foron coordinados por Uxío Carré Aldao. Neste traballo sinálase a recuperación de útiles líticos na Cova do Fonforrón (San Vicente de Noal, Porto do Son). Desafortunadamente, os achados permanecen en paradoiro descoñecido.
A seguinte referencia atopámola no traballo publicado por Calo Lourido e Teresa Soeiro sobre as campañas de escavación levadas a cabo entre 1980 e 1984 no castro de Baroña, onde se dá noticia de que, xunto co profesor Vázquez Varela, tiñan atopado unhas lascas na praia de Caamaño. O mércores 5 de setembro de 1984 La Voz de Galicia facíase eco de que o profesor Vázquez Varela, xunto co profesor da Universidade de Salamanca Luis Benito del Rey, o ano anterior, atoparan na zona de Barraña (Boiro) un útil pertencente ao paleolítico inferior.
A finais da década dos oitenta frustraríase un proxecto de investigación promovido pola Universidade de Santiago no litoral ribeirense que tiña como obxectivo recuperar os posibles restos de ferramentas paleolíticas dispersas polas praias e cantís (Industrias líticas da franxa costeira do suroeste da península do Barbanza).
Haberá que agardar case unha década para que volvamos ter novas sobre a presenza de restos paleolíticos en Barbanza, e será no marco dun traballo de investigación sobre a evolución do hábitat desde o Epipaleolítico á Idade do Bronce no que se atopa na zona da Barquiña (Barro, Noia) un núcleo de sílex con extraccións que lle proporcionan un fío cortante e que puidera corresponderse cun útil paleolítico.
As estas novas temos que engadirlles o achado casual en Punta Cabalo (Noia) por S. Cadarso dun biface, elemento típico do paleolítico inferior; máis a recuperación dun conxunto de útiles tallados recuperados por C. Fuciños no contorno da praia de Agüeiros (Boiro), e tamén un núcleo con varias extraccións recuperadas por nós mesmos na Serra do Barbanza, ao pé dun abrigo.