Lino Braxe. Autorretrato

fidelFidel Vidal. Estamos todos convidados por Mandiá -como adoitaba chamalo Manuel María polo segundo apelido-, si, convidados ao Banquetede Lino Braxe (Limiar de Xosé Manuel Beiras, Sotelo Blanco, 1990), unauténtico festín inconcluso mais non fragmentado. Un banquete en plena creación, “en plena celebración”, en constante celebración do éxito dunha falsa vocación de fracaso. Este é o festexo imperecedoiro da sublimación dun infortunio enmascarado, porque onda nós “non hai opción á compracencia”, tal como diX. M. Beiras. Só a compracencia dará por rematada unha obra paralizándoa: entón deixará de ser obra (de arte). “A modernidade -escribe Baudelaire-, é o transitorio, o fugaz, o continxente; é a metade da arte, a outra metade é o eterno e o inmutable” (L. Bersani, Baudelaire e Freud).

 

mentres eu / inmenso na miña tolemia / bico cousas redondas

(Banquete, “Autorretrato”, p. 21)

 

Participemos todos na loita do festín, colaboremos neste fermoso e estimulante banquete, nesta alegre loucura que de tan corda tolea. Disposta a boca, temperada a alma, come(ce)mos. A boca, a oralidade, pola que a vida persiste alén das entrañas maternas. A boca do primeiro berro de protesta, do grito inicial anunciando que xa estamos aquí. Sairán pola boca os derradeiros arumes procedentes da fermentación do primeiro (malo) leite, tan axiña interiorizado, formando parte no proveitoso investimento e da estruturación básica da personalidade.

A boca capaz de transformar o mundo en algo susceptible de ser chupado, sorbido, mordido, e mesmo cuspido, desprezando a morte sen compaña, en soidade; nutrirse, inxerir a vida inacabable, compartir caricias famentas do morno compracente. Ese tépedo adormentador capaz de nos facer caer na trampa da rutina e da inutilidade amorriñada. Deixemos polo menos a pegada do recendo.

 

cuspamos irmá sobre as espadas da morte! /

que a miña boca deixe un cheiro a cervexa nos teus seos

(Banquete, “Autorretrato”, p. 21)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *