Xerardo AgraFoxo. Un 20 de decembro do ano 1973, cando aquel militar “viaxou aos ceos” no seu Dodge e na mesma data na que nacía un futuro alcalde de Noia, hoxe convertido nun amábel e honrado tendeiro, Pepe Cal e a súa inseparábel compañeira, a delicada e fermosa Ita Atán, collían con certo nerviosismo un voo rumbo a Roma, onde tiñan unha cita inescusábel. No número 88 da Vía Garibaldi, situada no arrabalde do Trastevere, agardábaos o poeta Rafael Alberti e a súa dona, María Teresa León. Por este senlleiro barrio camiñara uns anos atrás Ramón María Del Valle Inclàn que, para fuxir do divorcio con Josefina Blanco, a nai dos seus cinco fillos, lle solicitara ao presidente Manuel Azaña o posto de director da Academia de España, situada uns pasos arriba do domicilio de Alberti durante os anos do seu exilio na capital italiana. Daquela viaxe de Pepe Cal, o pediatra comunista e nun tempo o decano dos socios de BARBANTIA, e da súa amada Ita Atán, trouxeron coma agasallo do autor de “La arboleda perdida”, ademais dun recordo indelébel polo trato que lles dispensou a parella de escritores, un cadro asinado polo poeta gaditano que eles sempre amosaban con fachenda a quen os visitara na agradábel casa do Cruceiro de Róo. Ágora, diante do número 88 da Vía Garibaldi do barrio romano de Trastevere, recordamos a Pepe e a Ita como dúas persoas nobres e entrañábeis.
Boa tarde, aprezado Xerardo. É esta unha fermosa historia que a histeria actual calificaría de “roja” ou “comunista”. Nalgún tempo un sintiuse moi perto desa xeración de vellos loitadores que se citaron no arrabalde da moi Imperial Roma (de mozo gustei moito da poesía do primeiro Alberti, ao que coñecín en Madrid), esa cidade que tanto lle gustaba a outro teólogo comunista, Pier Paolo Pasolini. Unha aperta aínda que non sexa tan delicada como dis que é a muller do home que mencionas.