Tesouros da lingua

descarga (3)Fidel Vidal. O mundo, referíndose no seu día a Galicia Luís Seoane, está cargado de nomes e de historia, de historias. Así é que, ao comprobar o mal que nos vai, por culpa do deterioro cultural e material que asiste a este noso país tan desasistido, o seu temor a que as cousas, ricas mesmo en apelativos, fosen perdendo os seus perfís e a súa denominación, correndo o risco da caída no baleiro e na regresión, até o punto de chegar a, en vez de nomealas, teñamos que volver sinalalas de novo co dedo como no comezo do mundo de Macondo. Ou, segundo marcan os escaparates, dicilas en inglés.

Non nos estrañe, no caso de Seoane, a imperiosa necesidade de debuxalas, pintalas, gravalas unha e outra vez, e o que non poida ser retratado coa cor ou co tórculo, sexa anotado cos grafismos dunha lingua chea de riqueza, esta vez alén das cousas. Dar testemuña, coa palabra, da historia e das cousas e da lingua mesma como historia e fonte de imaxinación, a imaxinación propia dun pobo. No hai suficientes obxectos onde pór un nome. Nós non necesitamos inventar as palabras senón as cousas. Cando a cousa é a palabra, a palabra é materia que se atesoura tal coma os “tesouros” dos nenos: o valor delas en canto significantes, que só serven para o que serven.

É notable que aproximadamente na mesma época, pero antes que Freud, Mallarmé que non fala do chiste senón da poesía, diga algo enteiramente análogo. O poeta, di, acada os seus tesouros na lingua (enténdase material verbal, literal), e amáñase para que isto aporte o ar de ter un sentido, coa fin de aceptar o seu xogo. Velaquí as súas verbas: “Todo escrito, exteriormente ao seu tesouro, debe, en consideración con respecto a aqueles dos que toma, despois de todo, para outro obxecto, a linguaxe, presentar, con palabras, un sentido incluso indiferente“. “É nas palabras onde están os tesouros da lingua, o sentido vén dado como prima. Naturalmente, a diferencia de Freud, Mallarmé non fai referencia ás leis do inconsciente” (Octave Mannoni).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *