Fidel Vidal. Neste país noso subxace un ruído opaco que semella esforzarse en esquecer parte da súa máis honorable e terrible historia. Sendo cativo lémbrome dunha singular persoa de Ribeira, dun auténtico personaxe, tanto pola presenza de bébedo asustado como a maneira de se relacionar cos veciños. Un home case calvo do que se rían despois de o convidaren a uns viños. O máis estraño era que, malia o seu estrafalario comportamento, tratábano de Don Enrique. Nese home permanecía algo a respectar: a dignidade.
Máis adiante, e sobre todo despois da aparición do Documento editado por Edicións do Castro con Introdución e notas de X. L. Axeitos e Uxío Bobillo (Enrique Fernández Sendón (L. Fersen). Memorias e antoloxía dun republicano galego, 1998), souben das verdades agochadas. Enrique Fernández Sendón, desterrado ou “transterrado” no seu propio pobo, en Ribeira, ao que regresou esquelético en 1940 dun campo de concentración onde estivo internado. Mesmo chegou publicarse “o seu asasinato no cemiterio de Boisaca” pola “criminal represión fascista”. Antes, en 1937, fusilaran ao seu irmán maior, Manolo. Perdida a identidade e trastornada a súa personalidade, Don Enrique permaneceu en Ribeira até o seu falecemento en 1954 para se converter nun esquecido.
Durante a súa residencia en Madrid asistía a tertulias nas que se reunían Alberti, Granell, Dieste, Neruda, e mesmo, caladiños, os estudantes Carlos Gurméndez e Lorenzo Varela. Foi redactor de Crisol, Comunismo, Leviatán, La Batalla e autor de Qué significa el Trotskismo, ¿A dónde va el Partido Socialista?”. Coñecido como un destacado xornalista durante a Segunda República, estudoso do marxismo que asinaba co seudónimo L. Fersen, era un intelectual alegre que mantiña amizade cos Dieste, Otero Espasandín, García Sabell, Lustres Rivas, Maside, Manuel Antonio, Ramón Baltar. Foi un adiantado na valoración de Manuel Antonio como a auténtica vangarda poética da península.
Baixo o amparo de Paz Andrade, a partir de 1943, cun novo pseudónimo, A. Martín, colaborou na revista Industrias Pesqueras e no Faro de Vigo, con importantes traballos dos que quero suliñar proposta de importación de estaño e folla de lata tan necesaria nas fábricas de conservas das Rías, así como a visión da urxente construción dunha ponte na ría de Vigo, que despois farase real na de Rande. Á súa morte, García Sabell escríbelle a Elvira, a irmá pequena, mestra, unha carta na que, ademais das condolencias di: “Se pierde con él una extraordinaria y agudísima inteligencia y una cultura nada común”.
“Traer hoxe aquí a memoria de Enrique Fernández Sendón semella un exercicio de fantasmagoría porque case é querer dar fe do que non existe. Porque nin sequera lle quedou o motivo da ausencia como xustificación de existencia”. Palabras dos autores da Introdución, X. L. Axeitos e Uxío Bobillo, que subscribo e, para vergoña nosa, seguen a ser actuais pasados tantos anos. Coido que sería de xustiza non esquecer un home tan inxustamente tratado, e propoño que o pobo de Ribeira, a modo de reparación, recupere o seu nome, Enrique Fernández Sendón (Fersen), nunha rúa, unha praza ou nun centro cultural. É de xustiza para honra da propia cidade de Ribeira.
Querido Fidel:
Disque a solidaridade nace cando hai falta de xustiza. A tua solidaridade con “Fersen” é exemplar.
Amigo na adversidade, amigo de verdade.
Un biquiño.
Antes de nada, miña querida amiga Magdalena, vaian, coa distancia hixiénica preventiva -mal que lle pese ao noso amigo do Eitón- dous bicos ben cargados de afecto cos meus mellores desexos. É verdade que a desmemoria dos pobos supón unha inxistiza ao esquecérense de persoas de tanto mérito como Fersen, vítima da barbarie fascista, que se librou da morte grazas á loucura e algún amigo. Unha honra e un pracer volver contar coa túa colaboración e atencion neste noso Café. Unha forte aperta.
Apertas pro amigo de Mareira, dende o Eitón.
Querido Fidel,
Tu relato sobre este hombre, olvidado, aunque afortunadamente no por todos, entre los que te encuentras, es conmovedor. Lo es porque, desde tu narración, es factible que uno sepa de quien debió saber. De él y de muchos más que habrán sufrido una suerte similar, la del olvido en su propia tierra.
Tu iniciativa es de aplauso, porque la memoria de la dignidad es buena. Y el recuerdo de personas dignas que han sufrido a causa de la injusticia nos sitúa aquí y ahora. Con todos los defectos, abundantes, que nuestra democracia tenga, esa evocación que haces nos muestra con cruda claridad lo que puede suponer una deriva política autoritaria.
Con mi deseo de que tu propuesta sea atendida en esa tierra que tanto amas, recibe un abrazo
Javier
Boa tarde amigo Javier:
Ti sempre disposto a botar unha man, e oxalá sexa escoitada esta proposta por aqueles “a quen corresponda”. É verdaderamente inxusto ver nomes sen tanto mérito e, por razóns inconfesables ou determinadas presións, se fagan borrar mesmo da memoria, os de homes como Fersen, Don Enrique Sendón, como era coñecido en Ribeira. Unha mágoa asistir a tal desmemoria.
Xa que estamos, e falando do Tempo, lembro que neste mesmo Café publiquei unha achega sobre o Poema da Duración de Peter Handke. Se tés a ben e ánimos pásalle unha ollada.
Unha forte aperta.