Xosé Manuel Lobato. Dende esta ara pétrea de arquitectura natural, onde o suave, maino e velaíño murmurio, dunhas augas natalicias agarima unha paraxe de ensoño no seu espontáneo xurdir.
Neste pétreo retablo gótico, icona dunha gran catedral rupestre, formada polo fluvial desprazamento dos primeiros átomos acuosos do pai Miño, que achega os seus folgos e latexos vitais a unha terra sedenta de xustiza e autoestima de seu.
Aquí, onde o fresco alborexar deixa un envolvente universo de alfaias efémeras, decoración natural e única para despedir o primeiro e dubitativo camiñar do escorregadizo líquido. Nunha contorna sen parangón, celebramos cada ano, o facho pétreo aceso de paixón pola afirmación e dignidade.
Día festivo e reivindicativo, mais de profundas e intensas emocións, onde os sentimentos permanecen no incandescente ar que bambea e mece na numerosa colectividade presente.
Festa grande no pedregal de Irimia, coa entrada no pórtico outonal, tempo de cores avermellados para celebrar un dos acontecementos máis importantes para calquera ser humano, a súa dignidade como persoa.
Os homenaxeados no encantado Pedregal, pasan a formar parte dun colectivo con identidade de seu.
Man de Irimia ou man pétrea, unha escultura que recoñece o esforzo por espallar a cultura de noso en diferentes ámbitos. Mais o seu significado acada eses sentimentos profundos das persoas convencidas do amor a unha Terra, orgullosos de formar parte dunha sociedade única, de místico engado.
Queridísimo amigo Lobato:
Recibe dende Palmeira, un asubío ponderativo, por describir con tanta fermosura eses arroios que saben murmurar case tan ben coma ti, as suas augas.
Unha aperta, querido poeta.
Prezada, Magdalena.
Grazas pola tùa xenerosidade, mesmo tan intensa, como a luminosidade do setestrelo cando è ollado dende a profunda escuridade.
Agarimosas apertas