Galicia e os galegos na poesía castelá CLXXIII. Un modernista colombiano: Gómez Jaime

jaimeRomán Arén. Escritor bastante esquecido hoxe é Alfredo Gómez Jaime, modernista, nacido en Tunja en 1878 e que viviu moitos anos en España, onde foi un dos fundadores da <Revista Latina>. Diplomático, foi cónsul do seu país en Vigo e colaborou na prensa galega. Dramaturgo e poeta, en 1907 editou Rimas del Trópico e da importancia que tivo na súa época dá conta a homenaxe que lle fixo en Madrid a plana maior do Modernismo Hispánico, pois entre os asistentes estaban Valle-Inclán e Rubén Darío, Salvador Rueda e Amado Nervo, Francisco Villaespesa e Santos Chocano, Emilio Carrere e Tomás Morales. Xa en 1923 editou en Bogotá outro poemario, Almas viajeras, para dar ao prelo en Vigo Rosario lírico en 1930, un libro de sonetos. Do seu aprecio por Vigo queda lembranza nalgúns dos seus poemas e así Armesto Faginas no seu Vigo. Paisón atlántica (2001) reproduce este cuarteto:

Todo el vigor de tu progreso arranca/del seno fabuloso de esa ría/que opulenta premió tu gallardía/en noble lucha, sostenida y blanca.

Foi ademais amigo do escritor de Boiro Ramón Fernández Mato, con quen escribiu a peza teatral Estirpe, aínda que as súas obras dramáticas máis coñecidas foron El explorador del infinito e El enigma de la selva.

Pero hai máis que une a Gómez Jaime con Galicia, pois foi poeta en lingua galega (un alófono, pois) como amosa o texto “A Curros Enríquez”, publicado en <Vida gallega> o 10 de abril de 1028 e que exhumou López Varela, unha gabanza do poeta de Celanova e do seu “Nouturnio”, mais cita tamén a Rosalía e fai un canto á nosa lingua. Di así a primeira estrofa:

Si no teu idioma rimador doente,/pudera de rosas coroa túa frente,/un himno grorioso fixera en teu loor./E cal as piadosas, sentís anduriñas/que a Cristo quixeron quitar as espiñas/o teu forte esprito lle arrincara o dór.

Para continuar falando do galego:

Eu amo a túa fala cheíña das meles,/os trinos e arumes que hai nos teus verxeles,/a fermosa fala que con grato son,/foi lira dos reises e dos trovadores/i-en ela entoaron os cantos mulleres/as divinas aves da súa inspiración.

Trátase dun poema en sextetos, pero non segue o esquema típoco ABC ABC, nin o modelo da sexta rima (ABABCC), senón que o seu esquema métrico é este: AABCCB.

Alfredo Gómez Jaime faleceu en Villeta en 1046.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *