As crebas, outro xeito de andar ao mar

Crebas1Antón Riveiro Coello. As crebas son os restos que as ondas deixan no límite das mareas: refugallos de naufraxios ou aparellos que desbota o mar. Moitos, sobre todo os de interior, descoñeciamos até hai pouco o termo; talvez a película Os Crebinsky trouxo a descuberta destes “crebeiros” que tamén andaban “ás crebas” nun poema do extraordinario libro Estirpe de Xosé Luís Méndez Ferrín. Pois ben, Francisco X. Fernández Naval, un escritor de primeira fila da nosa literatura (A noite branca, para min, é sen dúbida unha das mellores novelas escritas na nosa lingua) vén de publicar, coa fotógrafa Maribel Longueira, o libro As crebas: Outro xeito de andar ao mar (Baía Edicións). Estamos diante dun pequeno e interesante ensaio feito por un ourensán que ama o mar e que fai un percorrido por diferentes marcos referenciais relacionados coas crebas: cine, lendas, tradicións e, sobre todo, literatura. Neste libro podemos atopar dende os raqueiros (wreckers) ingleses que, no século XVI, provocaban naufraxios para apañaren os restos, até as virxes que apareceron nas costas do noso mar para nomearen lugares e praias nunha mestura de devoción e misterio, pasando polo enigma do Kursk (aquelas botellas precintadas que apareceron na praia de Nemiña cunhas etiquetas escritas en caracteres cirílicos nas que se lía: “Kursk, San Petersburgo”,chisco que levou á especulación de que fose material liberado tras o estoupido do submarino nuclear accidentado no mar de Barents), até un interesante capítulo titulado Da arte do mar e de todo o que devolve con referencias que escritores tan diversos como Camoes, Lidia Jorge, Xabier Queipo ou Lobo Antunes fan das crebas, deténdose na transformación que Man, o alemán de Camelle, lles deu ás crebas converténdoas en formas e en expresión artística como a pintora Beatriz García Trillo. Como engadido, convén tamén salientar as imaxes de Maribel Longueira que acompañan este curioso e entretido ensaio no que Francisco X. Fernández Naval nos regala, coa súa habitual xenerosidade, os anacos desbotados polo mar para viralos en patrimonio de noso e crebas de sabedoría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *