De par en par

anduriña 1Xosé Manuel Lobato. Ampla estancia situada no primeiro andar da centenaria casona, lugar de excelsa luminosidade e tránsito obrigado, dende a parte baixa o acceso era unha escaleira de pino sobre a mellor corte, dez repousadas escaleiras e aquel salón saudaba orgulloso e acolledor a calquera que o visitase, ben de paso para acceder a cuartos ou faiado ou para quedar e gozar do seu enclave tecido dun halo de fortuna e vitalidade.

Mais o realmente sorprendente eran as súas grandes ventás, estas fiestras permanecían nun estado de acollemento dende os primeiros arrolos da primavera ata os derradeiros arroutos da outonada. Unhas fiestras que só eran trancadas entre o aturuxo misterioso do moucho na estivada e o espertar cantareiro do galo primeiro no poleiro.

anduriña 2De xeira en xeira, de ano a ano, os hábitos da gran sala adormecían inalterables, esta dinámica non era interrompida por todas aquelas celebracións que de forma cotiá ou extraordinaria acollía o salón. Lugar de homenaxes; banquetes de festas, vodas ou calquera outro acto merecente do lugar, tamén era o sitio onde a comunidade abafaba co derradeiro adeus aos membros da familia. Velorios de fiestras abertas, e arrecendo a táboas e cera queimada.

A estancia posuía ese halo asociado a unha vida de enerxía ilimitada, a mesma natureza semellaba acoller aquel salón como morada, un remanso de sons nun ar en ebulición achegaba ata a gran viga o segredo daquelas fiestras prototipo dunha liberdade sen pegada.

Un espazo libre, sen atrancos, onde o refuxio da viga só é o espazo materno dunha saga familiar senlleira fiel cos seus antepasados, a súa danza no ar logra entusiasmar, mentres que a súa sinfonía non ten par.

anduriña 3Andoriñas de cantar e voar, constante imaxinación e creación nun exercicio de crenzas, a fortuna para todo aquel que abra as súas fiestras a este ser de estela venturosa. Neste universo alado, soñar é navegar baixo o dosel da sorte.

As bandadas de andoriñas seguen sendo fieis a Galicia, a súa fidelidade esquecese na historia do tempo. No entanto, dende hai varios anos as fiestras da gran maioría dos galegos están trancadas para estes emigrantes alados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *