As dúas caras de xaneiro

Las_dos_caras_de_enero-922281502-largeJ. Carou. A muller decide, poucas veces de xeito gratuíto, que o ciclo vital da relación de parella rematou. Logo da fase de namoramento e todas as súas variantes na que o home elixido se converte para ela en único obxecto de sedución, desexo e fascinación e da posterior etapa de sosego emocional e enxalzamento da seguridade como valor supremo para a crianza dos fillos, se foi o caso, o varón convértese nun accesorio perfectamente prescindíbel. Claro, non é tan sinxelo, doe. El case nunca estivo á altura no tempo transcorrido. Un infantilismo ancestral llo impide. Non se esforzou abondo, coidou que a cousa xa estaba feita e dedicouse, nin el sabe se conscientemente, a ocupacións deportivas, creativas, festeiras ou laborais desvencellándose das atencións e tempos demandados pola parella que agora xa, de xeito irremisíbel, foxe lonxe, intentando non evidenciar, para non danar por demais, a náusea que a súa soa presenza no fogar e sobre todo no leito lle provoca. As dúas caras de xaneiro trata o asunto outorgando o consabido rol de catalizador (favorecedor da velocidade da reacción) a outro varón que dinamita de vez a necesidade do esposo. A película adapta a novela do mesmo título de Patricia Highsmith, autora de negra xenialidade, misántropa, alcohólica, misóxina e  lesbiana a un tempo, depresiva, sabedora de que súa nai bebera augarrás para desembarazarse dela, comunista, autoexiliada, fumadora e celosa compulsiva, aguda viviseccionadora da natureza humana que sempre preferiu a compañía dos gatos e os caracois á dos seus semellantes. Nas súas novelas os personaxes femininos nunca teñen a importancia dos masculinos. Aparentemente. Eles fan e desfán, toman decisións, envexan, cobizan, odian, asasínanse. A trama da historia ensarilla o triángulo do desencanto e inminente abandono propiciado pola aparición dun cabaleiro andante co mitolóxico odio ao pai de todo grandísimo fillo de occidente.

las dos caras 3Primeiros anos sesenta do século pasado. Chester McFarland e a súa muller, Colette, viaxan por Europa aloxándose en luxosos hoteis. Agora visitan Grecia. El é máis vello, pero se algo lle sobra é pegada viril, seguridade, porte e fondo monetario. Ou non tanto. Un dandi a piques de se esnaquizar. Se cadra un heroe, porque xa se cheira o seu destino e asúmeo, non de todo. Ela é unha guapa trinteneira norteamericana coñecedora só a medias das argalladas financeiras do seu esposo. Atenas, Acrópole, Partenón.  Crúzanse cun home novo que os mira, ao que miran. Sentado, azorado, os ollos húmidos, unha carta na man. Acaba de saber que seu pai morreu logo dunha agónica prostración da que el se desvinculou. Ao pouco coñecerá o matrimonio de turistas. Tamén é estadounidense. Rydal Keener, un eventual e espelido guía turístico con facilidade para os idiomas, especializado en estafar compatriotas. Os McFarland semellan unha suculenta presa. Acepta unha invitación para ir cear con eles. Sóbralle tempo para caer rendido ao carisma do home  e á sensualidade da esposa. Xa na súa habitación, os McFarland reciben unha inesperada visita. Un detective privado que os seguiu na súa glamurosa viaxe. Sabemos agora que Chester é un estafador de envergadura, culpábel da ruína de moitos que confiaron nel.las dos caras 4 A conversa desenvólvese no cuarto de baño da habitación mentres a muller agarda. O detective saca un revólver. Chester revólvese contra el. O intruso cae morto. Comeza a fuxida. O matrimonio vai precisar de Rydal e dos seus amiguetes dos baixos fondos.  Intriga existencial, fábula inquietante, limiares poéticos do sublime e o mesquiño. Mentira, angustia, culpa. Os tres personaxes protagonistas deambulan paranoicos entre o engano, o alcol e os celos.

Colette é a que máis difire do orixinal literario. Nas páxinas de Highsmith é pouco menos ca unha ninfómana, sen cultura que lle sobre e con moi poucos miramentos ou consideracións morais –marca do imaxinario da escritora—. Polo demais, o director caligrafía en linguaxe fílmica o orixinal literario con exquisitez formal e excesiva fidelidade. Por isto o filme non acada a intensidade dos clásicos. Hossein Amini xa guionizara obras doutros autores célebres: Henry James, Elmore Leonard, Thomas Hardy.  Drive, de Nicolas Wifding Ref (para moitos mellor cinta estadounidense do 2011), débelle a súa contundencia e radicalismo ao libreto de Amini. Esta é a súa primeira película como realizador. Nótaselle un exceso de academicismo. A sobriedade narrativa e formal agradécense, pero fáltalle un aquel de turbidez, de consecución psicolóxica, de negritude emocional.

las dos caras 2Ademais da sensacional Estraños nun tren (Alfred Hitchcock, 1951) e doutras adaptacións menores dalgunhas das súas obras, unha sorte envexábel correron as adecuacións a celuloide das cinco novelas que configuran a saga Ripley, lendario estafador e suplantador da identidade das súas vítimas, un impostor que sempre supera na súa recreación o orixinal, un ser irresistíbel e amoral. René Clémente, Win Wenders, Liliana Cavani e Anthony Minghella despacharon filmes desde ópticas antagónicas, todas elas atraentes, imprescindíbeis.

Dúas secuencias enxalzan o compendio de logros ao tempo que evidencian os lastres do filme: a do inesperado xiro narrativo que se desenvolve nas ruínas do palacio de Cnosos (Creta) e do seu labirinto e a da persecución final no gran bazar de Istambul. Non se pode contar máis. O resto é ousía (morada) de mitos fundacionais: Cronos devorando os seus fillos, Zeus desterrando o seu pai a Italia coa axuda dos ciclopes e dos centímanos (Titanomaquia), Ariadna namorándose de Teseo para desgraza do Minotauro. O perfil das dúas caras do deus Jano evidenciando a éxtase agónica da condición humana.

The two faces of January.  2014.  Reino Unido.  Dirección: Hossein Amini.  Guión: Hossein Amini.    Intérpretes: Vigo Mortensen, Oscar Isaac, Kirsten Dunst, Daisy Bean, David Warshofsky, Yigit Özsener, Aleifer Prometheus, Sócrates Alafouzos, Nikos Mvrakis. Thriller psicolóxico.  96 min.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *