O último póster

marilyn-monroe-paint-i11584X. Ricardo Losada. Un convértese en adulto cando arranca da parede os pósteres da adolescencia. A min pasoume aos 22 anos. Unha noite tiven unha conversa cun amigo sobre os pósteres que tiñamos no cuarto (Chaplin, Picasso, Che Guevara, Marilyn) e díxome que el os retirara porque descubriu que os tres homes eran uns machistas furibundos. Chaplin vexou moitas mulleres, mesmo as fillas. Picasso só falaba con elas co pene. O Che era tan misóxino que lle prohibiu aos biógrafos falar da súa relación coas femias. De Marilyn non me dixo nada. Usaba o seu póster para o mesmo ca min. Dito finamente, autoerotismo.

Non volvín pór un póster (agás o de Marilyn) no meu cuarto, xa que, desde aquela noite, sei, e disfruto sabendo, que todas as persoas que idealizo acabarán decepcionándome. A última vez pasoume con Bruce Chatwin. Sempre me gustaron os seus libros de viaxes, pero en canto vin algunhas fotos súas (mesmo de explorador tiña unha elegancia exquisita), tiven claro que na miña adolescencia poría o seu póster no meu cuarto e que, polo tanto, había gato encerrado. Seguro que moitos dos datos que daba nos seus libros eran falsos. Confirmeino con inmensa alegría o outro día lendo un artigo sobre o seu libro En la Patagonia, un dos meus favoritos, no que o autor dicía que Chatwin, a quen definía como un suxeito urbano atacado pola inquietude, adulterara as historias ata o punto de que os veciños da Patagonia non queren falar del, e mesmo o acusan de levarlles un sida que ocultou ter.

patagoniaPero o momento álxido da miña historia persoal da desmitificación sucedeu cando souben que Marilyn tiña un coeficiente intelectual superior ao de Einstein. Impresionoume tanto que xa non fun capaz de excitarme nunca máis pensando nela. Unha mente superdotada nun corpo feminino tan fermoso convertíaa nun monstro. Pero iso non foi o decisivo. O decisivo foi que esa frixidez repentina reveloume que eu tamén era un machista apoucado, e que, se quería deixar atrás a adolescencia, máis que arrincar da parede a imaxe de Marilyn, tiña que arrancar do espello o póster que aparecía cada vez que eu me miraba.

3 comentarios en “O último póster

  1. Amigo Gonzalo, xa lle contesto eu antes de que o faga o autor. Efectivamente, os textos xa foron publicados na Voz de Barbantia, algo que adoitamos facer para que cheguen a máis xente. Polo tanto, pode vostede seguir bebendo, de momento. Apertas.

  2. Dime unha cosa querido amigo. Alucino eu o este artigo xa se publicou a semana pasada? A mesma pregunta asaltoume onte co texto de Cartea sobre a exposición de Paola en Rianxo, a cal tiven o gusto de contemplar. Xa non sei se é certo ou non. Aparta de min esta dúbida. Por miña nai, asegúroche que pola mañán non bebo. Apertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *