Apoteose das perchas, un divertimento napolitano

perchasAntón Riveiro Coello. Xesús Constela (Ferrol, 1963) é un escritor con oficio que, aínda que non ten unha obra extensa, si nos ten dado pequenas e significativas alfaias que salientan, sobre todo, unha ollada diferente e moi, moi orixinal. Entrou pola porta grande da literatura galega tras acadar o Premio Torrente Ballester de Narrativa e o Premio da Crítica Española cun dos grandes libros de relatos deste século As humanas proporcións (Galaxia). Publicou despois un libro dedicado aos seus fillos O libro das alquimias (Galaxia) e no 2008 apañou o García Barros de Novela con Shakespeare destilado (Galaxia), un interesante monólogo metafórico que enreda coas convencións da tradición literaria con humor e de xeito coloquial. No ano 2012 publicou 15.724 (Edicións Xerais), unha novela tamén en clave metafórica que nos debuxa unha asfixiante sociedade oligárquica presidida polo Gran Mariscal. Tamén adaptou e traduciu dous contos de Rudyard Kipling baixo o título Como se fixo o primeiro alfabeto (Edicións Embora).

Agora vén de publicar Apoteose das perchas (Edicións Embora), unha novela curta que non chega ás cen páxinas e na que nos conta a historia de Tommaso Bonnano, un mendigo que anda tirado polos barrios napolitanos e que vai ser protagonista dunha agresión a un home que deixa case morto. Xesus-Constela2Despois, nun interrogatorio coa policía, iremos descubrindo o seu pasado a bordo do ostentoso Spirit of the Seas, un barco dedicado ao lecer no que el traballara antes de caer na mendicidade e onde ficaran catro asasinatos aínda sen resolver.

Xesús Constela, nunha trama sinxela, pero ben deseñada, vai dosificando a confesión de Tommaso Bonnano e, pouco a pouco, lévanos até as perchas e a resolución do caso proposto nesta novela entretida, escrita cunha ironía moi fina que nos volve a anteriores textos del ou mesmo a algunhas páxinas de Camilleri ou Arto Paasilinna. Apoteose das perchas se cadra non sexa o seu mellor texto, mais coido que nas miras de Xesús estaba fundamentalmente a vontade de divertirse para divertir, algo que, ao meu ver, si logrou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *