Moral e novela I

novelistas malosRomán Arén. As relacións entre ética e estética foron debatidas sempre e déronse solucións distintas para este binomio, pero André Gide afirmaba que sen mal non hai novela porque non hai conflito. Pode haber poesía, mesmo en prosa, cadro de costumes, etopeas… Pero non novela, porque mesmo no Nouveau roman hai conflito implícito. É certo que hai novelas onde o conflito é xogo, parodia, pero aínda así existe, o que sempre amolou aos partidarios dunha determinada moral, a do “compromiso”. A Igrexa católica, e as outras tamén, abominaron das novelas, de todas, e só forzada pola existencia do xénero se viu forzada a recomendar a escribir novelas “pías”. Pero o xénero non lle gustou nunca e así o xesuíta Ugarte daba por suposto que, ao ler novelas, perdiamos nove tesouros: tempo e cartos, laboriosidade, pureza, rectitude de conciencia, o corazón, o sentido común da vida, a paz e a piedade.

Pero as novelas seguían a se publicar e aos moralistas non lles ficou outra que arelar a existencia de novelas “boas” (sobre todo en canto ao sexo) e dedicarse a confeccionar guías de lectura para os “directores de almas” e os fieis “guiados”, guías que servían para buscar novelas condenadas a gozar coa lectura do prohibido. A Igrexa católica tivo durante séculos un “Índice de obras prohibidas” fose totalmente ou por partes. Ás veces, os prohibidos totalmente eran algúns autores, especialmente os moi eróticos, os herexes e os ateos.

libros-quemadosPero a fins do século XIX e comezo do XX foron relativamente frecuentes as “guías” sobre libros, especialmente novelas, para guiar os fieis e os confesores, e entre estas guías, unha das máis famosas foi Novelistas malos y buenos do padre xesuíta Pedro Ladrón de Guevara, nacido en 1861 e establecido en Colombia en 1903. A guía tivo unha primeira edición en Bogotá en 1910 e unha reedición en Bilbo, aumentada, arredor de 1911-12. A obra xulga máis de 2100 novelistas, fundamentalmente franceses, pero tamén españois, alemáns, ingleses, escandinavos, rusos e ata algunha novela en catalán, sen esquecer italianos, hispanoamericanos, belgas, portugueses… Nesa altura había xa narradores en lingua galega (López Ferreiro, Valladares, Ribalta), pero o padre Ladrón de Guevara non os coñece. Pero a guía xulga, iso si, autores galegos en castelán: Vicetto, Pastor Díaz, o Marqués de Figueroa, Emilia Pardo Bazán, Rey Díaz, Manuel Vidal, o padre Eiján e Valle-Inclán. Este último é, con Eça de Queiroz, dos máis deostados e os xuízos do xesuíta xa teñen sido glosados algunha vez no que respecta ao autor das Sonatas.

A guía lese hoxe como un libro de humor, divertidísimo, pero tamén serve para saber qué lían españois e hispanoamericanos nesa altura e non deixa de aportar datos curiosos. Por desgraza, entre os galegos, ignora as novelas de Rosalía de Castro, de Murguía e de Curros.

O padre Ladrón non anda con contemplacións nin sequera cos católicos (Alarcón, Pereda) e as súas cualificacións  van de herético a irrelixioso, de impío a incrédulo, de blasfemo a clerófogo, de malo a deleterio, de danoso a perigoso, de obsceno a sensual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>