Un símbolo da vila liberal burguesa

20150429094640_00001Román Arén. É ben coñecida a competencia en xeografía humana de Pedro García Vidal, doutor en Xeografía, quen neste breve folleto estuda o edificio do Instituto Virxe do Mar de Noia e a súa importancia no novo urbanismo burgués de fins do século XIX, especialmente na Noia que abre novos espazos fóra das murallas. Explican, pois, estas páxinas o nacemento dun edificio significativo da vila, mais tamén «a particular cartografía dun espazo ex novo que se pretende nodal e quere ser fachenda do novo poder liberal burgués». Un edificio situado na Alameda que foi destinado a albergar a Casa do Concello, o emblema prestixioso dun poder novo. Os 125 anos deste edificio son estudados por Pedro García dun xeito claro e didáctico, estruturando esta obra nunha serie de capítulos que amosarán o cambio que vai sufrir Noia, vila amurallada que pasa a próspera vila que cambia do Antigo Réxime a sociedade burguesa, que concibe dun xeito novo o espazo urbano coas ideas burguesas de hixiene, coa preocupación por lograr unha vila ben comunicada, coa busca dun novo modelo construtivo axeitado á burguesía no poder, o que leva a vila medieval a estirarse, a medrar, a facer do campo extramuros a cidade que se pretende e, para iso, nada mellor que construír en 1889 un edificio-símbolo, a Casa do Concello, coetáneo do monumento a Felipe de Castro e da Alameda na estrada Noia-Santiago. Logo, este edificio será o Instituto Laboral Virxe do Mar, xa que a Casa do Concello se establecerá no edificio que Leoncio Bescansa planea nos espazos centrais da Alameda. Un edificio este de 1889 feito con coidados materiais, nun emprazamento dominante na estrada, cun claro esquema compositivo e decorativo, propio do eclecticismo da segunda metade do XIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *