Futuro imperfecto, de Xulia Alonso

futuroMaría Xesús Blanco. E fácil emocionarse coa lectura de Futuro Imperfecto (2010, Editorial Galaxia), primeira obra literaria da escritora Xulia Alonso (A Rúa, 1961). Cunha prosa de ritmo áxil, escrita en primeira persoa, a autora ofrécenos unha historia persoal, un anaco da súa propia vida tocado por acontecementos moi intensos como a descuberta do amor e das drogas  nunha década, a dos oitenta, na que moitos caerían no consumo da heroína. A historia lévanos deste xeito por un percorrido vital que amosa a traxectoria duns mozos e mozas que son quen de sentir a forza da vida, de experimentar e de gozar os anos universitarios nunha cidade, Santiago, que ulía a cambio e liberdade, mais tamén de caer no abismo máis profundo, o da adicción ás drogas, ou no da enfermidade do SIDA polo terrible contaxio do VIH.

Dunha maneira natural e coherente a narradora fía os recordos que emerxen para ser contados como homenaxe a unha xeración ávida de coñecementos pero que perdeu moitos polo camiño debido á falta de información nunha sociedade aínda moi pechada e chea de tabús. E faino dun xeito literario e fermoso como o encabezamento de cada capítulo con versos de Mario Benedetti, María Mariño, Manuel Rivas, Rosalía de Castro ou Lois Pereiro. xuliaUn relato que xorde, segundo a autora conta nas súas páxinas, como unha testemuña para a súa filla, a verdadeira destinataria do libro, para rescatar a historia de amor e de superación deles tres. A de Xulia, Nico e Lucía.

Salientar que Futuro Imperfecto obtivo unha excelente acollida dende o ano da súa publicación na nosa lingua,  sendo asemade merecedora de diversos galardóns como o Premio Losada Diéguez de Creación Literaria 2011, o XVII Premio Arcebispo San Clemente e o Premio Frei Sarmiento 2012.  E que no ano 2014 foi editado en lingua castelá pola Editorial Mar Maior.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *