A desgraza dos Crego

Casa natal de Murguía
Casa natal de Murguía

Francisco Ant. Vidal Blanco. Cada familia ten a súa historia, o seu currículo, a súa traxectoria, e a memoria de cada casa é unha lenda que renace en cada xeración, focalizando uns feitos e evitando falar doutros, obrigándonos a replantar os sucesos que nunca estarán suficientemente claros, ata converterse nunha especie de nube seca sobre os que levan tal apelido ou tal alcume.

Era disto do que nos falaba Francisco Rodríguez Pan, descendente daquel que, xa vai camiño dos douscentos anos, fora padriño de Murguía.

O señor Francisco foi o máis novo dos irmáns, e tal vez por iso tiña maior querenza para ficar escoitando os contos de súa avoa, ou tempo para facelo, nunha época en que os rapaces máis novos eran os coidadores dos anciáns; contos que sempre levaban o peso da historia familiar por moito que a fantasía quixese formar parte deles, e con esa historia quedaba claro por que á casa dos Crego se lle chamaba tamén a do Médico e por que tendo alcumes que evocaban un pasado moi diferenciado, non deixaban de ser labregos, percebeiros en Langosteira ou simples veciños que botaban unha man e se daban certa destreza en cousas a onde non chegaba o médico. Na casa explicaban por que tiñan eles a «pedra da pezoña» que se usa contra o veleno de cobras e víboras, unha pedra que mollada en leite se coloca sobre a mordedura da becha e non se despega ata que chupa todo o veleno, unha pedra que só se atopa na cabeza das grandes cobras selváticas.

Reprodución en cerámica da casa natal de Murguía
Reprodución en cerámica da casa natal de Murguía

Fantasías a parte, tamén sabían na súa casa do uso de herbas e das doses para aplicalas, pero non era por nada disto que a súa era a casa do Médico, senón porque entre os seus antepasados, ademais dun practicante de cirurxía houbo sempre unha querencia por esta disciplina, ata que a desgraza visitou á familia e os saberes da ciencia convertéronse en saberes de entendido, de amañadores, albeites e parteiras.

Hai uns días comentamos aquí as noticias aportadas por Xabier Maceiras e Pepe Vázquez sobre os descendentes de Manuel Antonio Pan, e sobre todo do fillo deste, que si exerceu con licenza o oficio da medicina ata que morreu de tifos con tan só trinta e sete anos, imaxinamos que deixando ós fillos no difícil momento da adolescencia. Pero aínda así, un fillo seu quixo seguir cos coñecementos do pai aínda sen a pertinente titulación, e exerceu na parroquia de Oseiro, atraendo á súa casa a todos os doentes da redonda.

Pero algo que a memoria non quixo gardar debeu acontecer para que a desgraza se cebase na casa, que era unha das máis podentes da parroquia e a penas ficou co habitáculo. Os peor pensados din que debeu ser algunha morte ou lesión grave que obrigou a intervención da xustiza, sen desbotar a posibilidade dunha denuncia por competencia desleal. O que fose non foi cousa boa, pois que lle custou a cadea ó exercítante, e á familia desprenderse da maioría dos bens e propiedades que tiñan, para pagar multas e avogados. Pero aínda non satisfeita, a xustiza, querendo ser xusta, foi á casa do reo a requisar todos os libros que nela había.

Así nolo conta Francisco Rodríguez, pero algún libro debeu quedar esquecido, como para que unha antepasada dos nosos comunicantes lle aconsellase a un dos rapaces que non lle collese gusto á aquelas lecturas que ela non tiña cartos para mandalo a estudar, e por non ter a licenza xa a desgraza se cebara na familia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *