A última lección do patriarca

mestreCarlos Mosteiro. Estamos a principios de 1976. Rianxo. A foto é o testemuño do último acto público de don Ramón. Morrería un mes despois, en abril. A noite é fría e chuviosa. Non obstante, a imaxe transmite calidez, a calor vén dos corpos, das expresións de admiración e recoñecemento das miradas. Ás veces a veneración pode ser abafante, tanto que impide o avance, e faise difícil respirar. Hai unha clase de grandeza, a verdadeira, que non intimida, que se deixa rodear e afagar. O mito distánciase do divo e cóbrese de humanidade, faise próximo, accesible. Os paraugas condúceno baixo palio ao lugar da conferencia, levado pola admiración e o recoñecemento. A súa intervención será brillante, florida, longa e sen papeis. Só precisará un punto ao final do auditorio onde fixar a vista, unha idea que exerza de motor de arranque, e a madeixa do seu talento irá soltando o fío interminable do seu saber. A mirada procura un punto indefinido máis alá do foco. Quizais unha chamada: a da eternidade. Non a da morte, certamente, inda non. E que máis dá se así fose? A estas alturas xa debe ser coñecedor do seu fado, do feito, en certa maneira tráxico, de que non morrerá nunca: ese honor, esa condena, a dos que están tocados pola variña da divindade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *