Durme, Brahma, durme

brahma sadhus sahumeriosX. Ricardo Losada. Algunhas noites a muller chega tarde á casa e cando entra no cuarto acércase á cama e, vendo que parezo durmido, pregúntame: Estás esperto? Eu tamén o teño preguntado e, de feito, non creo que haxa un só ser humano que non vivise unha situación así, tanto por activa como por pasiva. O curioso é que só hai unha resposta posible. Si. Contestar Non atenta contra as leis da bioloxía, a non ser que recorramos, como facemos moitas veces, á ironía. Estás esperto? Non, estou durmido. Pero esa ironía, como toda ironía, é un si disfrazado. Agora ben. Hai unha segunda posibilidade. Non responder nada, xa que ese silencio non implica necesariamente que esteamos durmidos. Pode darse o caso de que esteamos espertos pero non queiramos recoñecelo: e se a parella vén húmida e a ti non che apetece nada? É dos peores enfados que pode haber nun matrimonio pois a parella sabe, por como respiras, se hibernas ou meditas. Facerse o durmido non coa. Aínda así, é do máis frecuente nos matrimonios, agás nos primeiros meses: por moi tarde que chegue á casa a parella, en canto abre a porta do cuarto, xa lle fas saber que estás esperto. Ah, estás lendo, dicíame a min a muller, sabendo que estaba erecto.

durmindo

Haberá a quen lle pareza unha comedia, pero que sería dos matrimonios de longa duración (dous anos é o tempo que din os científicos que dura a paixón amorosa) sen eses xogos cómicos. Pero a veces a cousa complícase, e o outro día a comedia acabou en traxedia. Entrou a muller no cuarto, sacou a roupa coa luz apagada e, ao meterse na cama, preguntoume: Estás durmido? Non contestei e, a verdade, non polo que dixen no primeiro parágrafo (inapetencia sexual), que tamén, senón porque estaba nun deses estados de semiinconsciencia que sobrevén cando te esperta un lixeiro ruído. Eu mesmo dubidada. O caso é que non tardei en quedar durmido, e tiven un estraño pesadelo, quizais consecuencia de que ese día falara en clase dunha crenza hinduísta que di que o universo é o soño do deus Brahma, e que cando Brahma esperte o universo e todo o que existe nel (eu e a muller incluídos) desaparecerá para sempre.

     No soño eu entraba nun cuarto, con paredes pero sen teito nin chan, e atopaba o Deus Brahma (catro cabezas e catro brazos) durmindo nunha cama flotante con forma de flor de loto. Saquei a roupa, con estremado coidado para non espertalo (conta que me tiña!) e, ao deitarme, unha forza misteriosa obrigoume, contra o meu desexo, a preguntarlle a Brahma: Estás esperto?

ellos-cama

Provocoume tal desacougo que Brahma respondese Si, que espertei, angustiado, pensando Vou desaparecer, vou desaparecer! Cando comprendín qué pasara, abracei a muller coa paixón dos primeiros días de matrimonio. Facer o amor sería a mellor forma de demostrar que eramos seres reais, non personaxes do soño dun Deus hindú.

Onde se vira que un Deus hindú tivese soños pornográficos? Entón pregunteille á muller se estaba esperta. Respondeume co mesmo silencio que eu lle deparara un pouco antes, pero, por como respiraba, souben non só que estaba durmida, senón que, como ousase espertala, nin Brahma nin hostias, era ela quen me ía facer desaparecer do universo de forma fulminante.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *