Un burro no 3ºA

burro1Antón Riveiro Coello. O último presidente do noso edificio tiña un burro no piso. Moitas noites, entre os ronquidos do amo, o animal orneaba. Era o único momento do día no que podía amolar a existencia dun burro que seica chegara nun camión de mudanzas tras a morte dos pais do presidente. Uns dicían que o noso presidente toleara, outros que era un ser humano, outros que aquilo eran saudades da aldea… O certo é que o burro vivía no 3º A e, cada pouco, un mozo aparecía no ascensor cunha saca de forraxe de feo. Nas reunións que faciamos no portal sempre se desataba a discusión de se o burro podía ou non estar no piso. Diante das protestas dalgúns veciños, o presidente sempre se escudaba na presenza de todos os cans que había no edificio, algúns feos, sucios e malencarados, coma os da señora do 3ºB, que puxo unha denuncia e fixo vir unha brigada do concello para determinar se o cheiro procedía do piso do burro. Finalmente, os técnicos comprobaron que aquela peste proviña do piso da propia denunciante, que tiña dous cans de palleiro, as máis das veces soltos de ventre polas lambetadas que ela lles daba. A cousa quedou en nada. O burro do presidente sempre estaba limpo. Cada dous días, nun proceso ben complicado, o presidente bañábao e secábao co secador. Despois, se non chovía, abríalle a fiestra do seu cuarto, que era moi solleiro e daba á rúa peonil, e o animal permanecía asomado ao peitoril e entretíñase vendo como a xente, alucinada, reparaba nel e mesmo lle falaba. Era todo un espectáculo. Eu ficaba tardes enteiras sentado nun banco, estudando a súa ollada triste e apagada e escoitando a teima da xente en lle falar ao burro coma se fose unha persoa normal.

burro2   Cando xa todos estabamos afeitos a aquela presenza no edificio, unha noite, de súpeto, o burro deu en ornear coma se o matasen, e acompañou os seus orneos con couces contra as paredes e os mobles. Fixo tanto ruído que todos baixamos á porta do 3ºA e timbramos, pero o presidente non contestaba. Así que tivemos que chamar a policía porque o burro facía tremer todo o edificio coa súa furia.

  Xa case ao amencer chegaron dous policías e, cando botaron a porta embaixo, o presidente xacía no corredor da casa e o burro amansara e permanecía axeonllado ao seu carón. Foi unha imaxe dura e, a un tempo, entrañable, ver o animal alí, cabo do seu amo que viña de ser aniquilado por un infarto fulminante, tal como certificou unha doutora fascinada pola ollada inquisitiva do burro.

 Horas despois, cando xa o presidente estaba de corpo presente no tanatorio, os bombeiros apareceron no barrio co seu camión e mais un guindastre para sacaren o burro do piso. Seica un xitano se comprometera a facerse cargo do animal. Amoreámonos todos na rúa peonil e vimos como, con grandes correas, o burro saía pola fiestra do salón e sufría a vertixe das alturas. Foi unha imaxe surrealista, mesmo sería cómica se non fose pola traxedia particular que pechaba o asunto. Cando o animal fixo pé, os bombeiros liberárono das correas e entregáronllo ao xitano, que tiña a camisa desabotoada para que lucise a quincalla dourada do seu peito. O burro, alleo ao seu novo amo, deu en camiñar pola rúa peonil e, cando estaba á nosa altura, parou en seco, ergueu a cabeza cara á fiestra do 3º A e eu xuraría que o que vin naquela ollada era algo moito máis duro que a saudade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *