Fin de festa, de Diana Varela Puñal

fin-de-festa-diana-varelaCarlos Mosteiro. Debe ser que os escritores, nalgún momento da súa vida, non poden evitar falar do seu espazo vital, o lugar da nenez, a aldea. Caen nunha especie de autoficción obrigada (quizais “caer” non sexa a palabra). É un mandato, unha especie de imperativo categórico que un recibe dunha “instancia superior”, case unha “obriga moral”. Algo disto lle debeu pasar a Diana Varela Puñal con este libro, “Fin de festa”, que a autora fai transcorrer en Xuvino.   Todo se estrutura nun círculo concéntrico de derrotas, unha especie de sistema de perdedores orbitando arredor de Susi Arnela, o mito erótico, a Anita Ekberg a que ninguén é quen de rescatar da fontana, a muller máis fermosa, nacida para a gloria e o triunfo e que acaba sendo engulida polo factum de Xuvino, ese que conduce os seus moradores cara ao afundimento irreversible. Semella haber unha canción triste dentro de cada estrela. Ao cabo, ningunha é máis ca outro sol a se apagar lentamente. Xuvino é así o trasunto da desesperanza, habitado por seres que non se enganan, que manteñen de continuo a mirada fixa no chan, que arrastran tras de si a súa derrota do mesmo xeito fatal que se arrastra unha sombra. A materia da que se nutren estas vidas é a verdadeira materia literaria: a perda, a tristura, a vida sen elevación, a ras de chan. Diana_Varela_Puñal_(AELG)-3Son, os desgraciados, literariamente personaxes fortes, ao contrario que os triunfadores que son personaxes débiles porque non hai arestas, nin conflito interno, nin amargura que é do que se alimenta a verdade literaria.

            Gustoume esta novela (novela?), ou crónica novelada, ou como se lle queira chamar esta memoria fragmentada da mitoloxía de Xuvino. Ambiciosa. Nalgún momento busca a dificultade gratuíta e poida que por algún parágrafo se lle coara algún adxectivo de máis. Defectiños que non estragan o conxunto que, xa digo, me parece notable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *