A aldea esquecida

O Fío de Ariadna. ImaxeYael Sampedro. En  Boiro atópase un dos segredos mellor gardados da nosa historia. Trátase dunha aldea esquecida, tanto polo tempo como pola xente. Atópase na Galea, en San Ramón de Bealo. A aldea esquecida e a actual están separadas polo río do Souto. Conta cunha atalaia e con gravuras líticas. Foi abandonada a redor dos séculos XVII e XVIII, e o motivo énos descoñecido. A causa máis plausible talvez sexa o abandono debido á última remexa de peste. Pero, por que ninguén chegou nunca a reclamar eses terreos? Non se sabe se a sobrevoa a lenda, mais debeu existir porque a aldea actual cambiou de sitio debido a que ninguén quixo reconstruír dita aldea, e vivir nela. O porqué, non se sabe. Non hai nada escrito sobre o lugar. Por exemplo, no censo do século XVIII que fixo o Marqués de Ensenada non se di nada sobre dita aldea. A día de hoxe é una aldea pantasma, e pouca xente sabe da súa existencia. Está nunha zona de fácil acceso, pero enterrada pola maleza. Podes pasar polo lugar sen te decatares que estás na aldea esquecida. Só quedan as pedras que noutrora constituíron as paredes das casas. E as gravuras nas pedras. Canta cultura enterrada ao carón das nosas casas e cantas preguntas sen aclarar. Cantas lendas sen ser contadas. E cantas aldeas cheas de misterios e interrogantes, coas respostas enterradas baixo terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *