Carlos Mosteiro. María Solar chega á literatura infantil dende o mundo da comunicación. Xornalista da TVG e da Radio Galega, conduciu durante oito anos o magazín “As tardes da Galega” na radio autonómica. Actualmente presenta na televisión “A Revista, fin de semana”. En Galaxia ten xa publicado “Vou ter un irmán!!!” e “A verdadeira historia da mosca da tele”, gañadores ambas as dúas do Premio Frei Martín Sarmiento, o primeiro no 2013 e o segundo no 2014. Con “O meu pesadelo favorito” (tamén en Galaxia) gañou o Premio Lazarillo de 2014, unha marabillosa historia na que un neno con febre descobre un mundo paralelo nos soños, mesmo nos soños dos soños, e inda nos soños que soña dentro dun soño.
Nestas excursións oníricas atopa unha repartidora de bicos, un bar onde todo o mundo di mentiras, un extraterrestre que se move polos sumidoiros e que fai preguntas comprometidas, un doutor que é quen de “facer” animais imposibles… E unha Alicia. Non podía faltar Alicia cando se habitan mundos paralelos. Outra vez o mito. Utilizado licitamente, por suposto; para iso están os mitos, non para adoralos relixiosamente senón para utilizalos, manipulalos, darlle a volta… Iso é o que fai María Solar. Alicia non é aquí a nena feliz e un pouquiño repelente de Lewis Carrol, non. Esta é unha Alicia diferente, pobre, ao borde do desafiuzamento, unha Alicia da “crise”. Tamén na literatura máis alegórica e de vocación máis fantástica cabe a realidade; tamén na fabulación infantil cabe Marx.
O dito, nada novo baixo o sol. Ao mellor é que a orixinalidade está sobrevalorada. Como di alguén que coñezo, tamén un home con dúas cabezas é orixinal, pero ninguén quere ser ese home. O que hai sérvenos para seguir creando. Pode que a literatura non sexa máis que un gran macrotexto do que todos petiscamos e no que tratamos de deixar a nosa pequenísima pegada. Collemos algo e algo de nós deixamos tamén. María deixa a súa achega, feita desa materia insondable, ese mundo que só aparece cando pechamos os ollos.